9-08-2009

O deber de coñecemento do galego está recollido no Estatuto, artigo de Xesús Palmou

É certo que o Estatuto de Autonomía de Galicia non establece o deber de coñecemento do galego tal e como fai a Constitución Española respecto do castelán e, en consecuencia, con base nesta ausencia reguladora, unha sentenza do Tribunal Constitucional declarou contrarios á Carta Magna algúns artigos da Lei de Normalización Lingüística do ano 1983 que establecían o deber dos galegos de coñecer o noso idioma.

Con todo respecto para o alto tribunal, o deber de coñecer o galego, por parte dos habitantes da nosa Comunidade Autónoma, ten perfecto amparo legal na nosa norma básica, pero, ademais, é unha cuestión de sentido común. O amparo legal está implicitamente recollido no artigo 5 do Estatuto cando establece que “a lingua propia de Galicia é o galego”, poñendo a continuación o galego e o castelán nun plano de igualdade ao dicir, “o galego e o castelán son oficiais en Galicia… Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas”. Como poden os poderes públicos garantir o uso normal e oficial do galego se non garanten tamén o seu coñecemento? Velaí pois como o deber de coñecemento do galego está intrinsecamente recollido no Estatuto de Autonomía.

Pero dicía que este deber é tamén unha cuestión de sentido común. En Galicia acudimos con moita frecuencia ao concepto bilingüismo, unha característica idiomática fundamental da nosa Comunidade, para xustificar o dereito e a liberdade dos cidadáns para usar calquera dos dous idiomas. Pois ben, a acepción gramatical de bilingüismo é o uso habitual de dous idiomas nun mesmo territorio e por unha mesma persoa. En consecuencia é unha falacia e un atentado ao sentido común, reivindicar unha Galicia bilingüe e ao mesmo tempo defender a discriminación dun dos seus idiomas. A liberdade real dos cidadáns para elixir que idioma usan non se contrapón, senón todo o contrario, co deber de coñecer os dous cun nivel similar, como garantía real e efectiva desa liberdade de elección.

Pero é máis, o bilingüismo harmónico exclúe calquera presión ou discriminación dende os poderes públicos dunha das linguas con respecto á outra, xa que logo, estariamos xerando, ou favorecendo, un bilingüismo asimétrico, no que unha aparecería claramente como subordinada ou de segundo nivel, e a libre elección dos cidadáns e máis a garantía do uso normal e oficial de ambas linguas sería unha simple quimera.

En resumo, o bilingüismo harmónico esixe dos poderes públicos que as dúas linguas teñan un status semellante, un uso equilibrado no sistema educativo, permitindo así aos cidadáns un nivel de coñecemento equiparable de ambas as dúas como auténtica garantía da liberdade de elección. Polo tanto, o Decreto que permite a totalidade da ensinanza en galego é tan contrario ao bilingüismo como aquel outro que a impuxese ou permitise toda en castelán. Tamén aquí é unha cuestión de sentido común.

Pero, fronte ao sentido común, están tamén os que se apuntan á tese do “utilitarismo” para excluír o galego do sistema educativo, aducindo que non vale para nada máis alá do Padornelo; aqueles que deberían reflexionar que –con independencia do valor do galego nos países lusófonos–, levada esta tese ao extremo, remataría impoñéndose o inglés como idioma único.

Os idiomas son instrumentos fundamentais de comunicación, pero tamén de conformación da nosa identidade e da nosa cultura e, en consecuencia, o seu coñecemento e o seu uso non é só unha cuestión de utilidade; é tamén, e sobre todo, cuestión de sentimento, de amor á terra.

Publicado en Xornal de Galicia o domingo 9 de agosto

Chuzame! A Facebook A Twitter

Procurar

Nube de etiquetas Etiquetas

O ideario da plataforma ProLingua vén definido exclusivamente polo seu manifesto. Os artigos e textos que aparecen neste blog publícanse atendendo ao seu interese no debate sobre a lingua, independentemente de que coincidan en todo ou en parte co devandito ideario.