Do pasado e do futuro, artigo de Agustín Fernández Paz

(...) A LINGUA DE TODAS

De todas as persoas, xaora. Pode parecer paradoxal referírmonos a este carácter colectivo da lingua, sobre todo se temos en conta que hai sectores da sociedade que a rexeitan, mais convén lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país non é propiedade de ningún grupo político ou social, senón que é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel, nacésemos en Vilalba, como é o meu caso, na Coruña, en Vigo ou en calquera outro concello. Tamén é de todas as persoas que chegan a Galicia desde calquera lugar do mundo, empurradas case sempre polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. Finalmente, a lingua é así mesmo de tanta xente que deixou aquí as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –e aínda somos– un país de emigración. Unha emigración que agora, grazas á comunicación que propicia Internet, se sente parte dunha comunidade cultural unida por fíos invisibles.

(...) A lingua na que estou a escribir enténdea a práctica totalidade da poboación e é a habitual dunha maioría, mais ten unha presenza social moito menor da que lle correspondería, e mesmo parece estar proscrita en certos ámbitos e funcións. O galego é, en certo sentido, unha lingua oculta. Esta invisibilidade social da lingua (é dicir, a súa situación minorizada: sendo maioritaria, parece que non o é) é un fenómeno que, con maior ou menor intensidade, se estende por todo o territorio de Galicia, aínda que acada proporcións preocupantes nalgúns ámbitos urbanos. En Vigo ou na Coruña, se nos puxesen diante un plano da cidade poderiamos trazar sobre el unha liña invisible que delimita a zona onde falar galego se vive como unha transgresión social, a fronteira que sinala o espazo onde máis domina esa invisibilidade imposta (hoxe rota parcialmente, qué paradoxo, polo emprego dos teléfonos móbiles). A causa? Uns prexuízos e unhas actitudes negativas que asentan as súas raíces na interiorización do esquema diglósico e que, como unhas “leis invisibles”, seguen orientando os comportamentos lingüísticos da maior parte da poboación.

Algúns deles afectan ao conxunto da sociedade (a norma de cambiar de lingua cando o interlocutor fala en castelán, cando ao revés non ocorre; a asociación do galego co atraso e a pobreza; a idea de que é unha lingua que non ten ningunha utilidade práctica; a identificación entre o uso do galego e determinadas opcións políticas; a crenza de que a súa utilización é un síntoma de localismo, etc.) e outros inscríbense no ámbito do ensino (a crenza de que a introdución do galego nas aulas é a responsable do fracaso escolar; o temor a que o uso do galego impida a aprendizaxe doutras linguas; etc.).

O exemplo máis rechamante da ocultación dáse nos medios de comunicación escritos, o espello onde nos miramos a diario, nos que, na maioría dos casos, a invisibilidade do galego é clamorosa, mesmo reproducindo en castelán a intensa actividade pública que se desenvolve en galego. Os lectores deberan indignarse ante esa imaxe distorsionada; se non o fan é porque quizais xa nin reparan no feito, acostumados como están a que a maior parte dos xornais permanezan alleos á lingua e a cultura propias do país.

(...) Neste cuarto de século, o galego conquistou ámbitos e funcións que antes lle estaban vedados. E non me refiro só ao mundo da Administración e o do ensino, nin ao papel decisivo que xogan a Radio Galega e a Televisión de Galicia, senón tamén á práctica de empresas punteiras como R, á apreciable fortaleza das industrias culturais ou á presenza significativa en case todos os ámbitos profesionais. O que para min é o paradigma da vitalidade actual do galego é a súa presenza na Rede. En canto apareceu unha vía como Internet, non controlada polos poderes económicos e mediáticos, a explosión da lingua foi espectacular. De súpeto, o intenso traballo de base que ninguén nos mostraba despregou na Rede o abano amplísimo co que hoxe contamos. Xornais electrónicos, redes sociais, webs de todo tipo, blogs... O mundo dos blogs, especialmente, é hoxe unha canle de información e opinión imprescindible, que nos ofrece unha visión plural de Galicia e do mundo, sen os ríxidos e interesados xustillos dos medios de comunicación tradicionais. Eppur si muove! Xaora que si!

Artigo de Agustín Fernández Paz publicado na revista Encrucillada (nº 161, xaneiro-febreiro, 2009). Podes descargalo na web da revista ou picando nesta ligazón (PDF 1,3MB).

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

2 Comentarios on “Do pasado e do futuro, artigo de Agustín Fernández Paz”

  1. #1 Chousa da Alcandra
    o ago 15th, 2009 ás 7:38 pm

    Ademáis dunha análese actualísima e real, aporta Agustín un vieiro de luz que apaga aqueles pronósticos tan negativos para a nosa lingua.
    Eu concordo nesa opinión, fágoa miña e poño cada día o meu puntiño sobre o “i” do incentivo que supón empregar a fala, malia tantos atrancos, sigue viva.
    Concordo tamén no desexo de que, para que as leis que -supostamente- a protexen, deixen de ser ornamento e florería para poñela na mesma altura de obrigado coñecemento que ten a outra lingua co-oficial.
    Un pracer lerte, Agustín.

  2. #2 Xúlio Zé Fernández Calzadilla
    o ago 20th, 2009 ás 7:50 pm

    Obrigado Agustín polo artigo.

    Gostei da análise em geral, mas em particular de duas ideias: da explosom de contidos em língua galega na rede, e da formaçom dumha comunidade cultural que une a pessoas moi distantes geográficamente.
    Eis, na internete, um vieiro para o desenvolvemento da nossa língua no mundo e no tempo.

    Umha aperta.

Deixa un comentario