Na compaña do ilustre galeguista Avelino Pousa (95 anos), acudín o pasado 30 de maio á Casa das Palabras de Vigo á presentación do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego (Edicións Ismael González). Coa presenza do propio escritor e Anisia Miranda, a súa dona, alí estivemos moitos dos que colaboramos neste libro-homenaxe. Na miña colaboración fago comparanza entre a escola de Balbino, dos anos corenta, coa de meu pai, da década anterior republicana (1931-1936), botando man dun caderno que dela escribira o meu proxenitor en 1937 cando só tiña 14 anos. As comparanzas saltaban á vista: mentres meu pai falaba con agarimo da súa escola, malia as carencias económicas que esta tiña, Balbino falaba da súa como unha escola deprimente e represiva; só a chegada dunha mestra nova -Eladia, da que se namora-, lle devolvera momentaneamente a ilusión.
Con motivo da redacción deste traballo volvín ler as Memorias dun neno labrego de Neira Vilas, unha das máis traducidas da nosa literatura. Todos sabemos case de memoria a forma derrotista e resignada de empezar as súas memorias o despois inconformista neno neiravilán: "Eu son... Balbino. Un rapaz da aldeia. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, probe. Porque da aldeia tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa". Manolito era o refinado fillo do señor que lle tiña arrendadas as terras ó pai de Balbino. Eu non sei se o presidente "noso" -el prometeu selo para todos-, Sr. Núñez Feijóo, leu algunha vez as Memorias do neno labrego (ó conselleiro de Educación xa non me molesto en preguntarllo).
É imposible que quen as lese persiga a lingua galega con tal saña. Na pequena gran novela de Neira, o neno pobre, Balbino, sofre constantes abusos do neno rico, Manolito, "un rapaz moi limpiño que come pantrigo". Nas liortas e tirapuxas que ten con el, Balbino ve con mágoa como incluso o seu propio pai se lle pon en contra, porque Manolito "é o neno do señor e abonda".
Acabo de ver na prensa esas enquisas preparadas polo conselleiro de Educación para disfrazar o plan de exterminio do galego do ensino, para o que non lle doe gastar 200.000 euros nestes tempos de crise. Enquisas pensadas e repensadas para xustificar o que se pretende de antemán: a morte súbita do galego. Nin sequera dan a oportunidade de optar polo 50 % de materias en cada idioma.
Despois, o baixo nivel de autoestima de moitos galegos polo seu idioma fará o resto e o lóxico é que as actitudes entreguistas coma a do pai de Balbino na novela -que defendía o fillo do señor e non o seu- se dean a feixes. Crónica dunha morte anunciada: ¡que valentes!
Entón veume á mente o pobre Balbino e a súa escola da primeira época de Franco. Dicíase que o Goberno do Sr. Feijóo volvía no tratamento á lingua á etapa preautonómica. Non é certo: retrocede setenta anos atrás ó primeiro franquismo, á longa noite de pedra dos anos corenta.
O noso Presidente só goberna para uns; non esconde que só lle interesan os nenos dos señores e pretende recluír en guetos ou reservas ós Balbinos galegofalantes separándoos dos Manolitos castelánfalantes para que non os contaminen co seu acento...
Só nos queda esperar se tamén haberá, nesta triste Galicia do apartheid lingüístico que nos espera, autobuses escolares distintos para nenos dun e doutro idioma, e, no caso de aínda seren comúns, pregúntome se estarán obrigados os Balbinos a cederlles o asento ós Manolitos.
Publicado en Galicia Hoxe o 8 de xuño de 2009






0 comentarios on “¿Terá Balbino que cederlle o asento a Manolito?, artigo de Xosé María Lema Suárez”
Deixa un comentario