Levo xa varios meses observando a concepción, nacemento e primeiros pasos do que promete ser a primeira plataforma moderna a prol da lingua galega que non participa de ningunha afiliación política. Como se di na súa xeitosa web, a plataforma foi creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión. A diferenza doutros colectivos desta índole, pódense ver publicamente na web os nomes dos seus socios. A primeira acción visíbel de ProLingua terá lugar este sábado, o 3 de outubro, ás 11.30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía en Santiago de Compostela, unha xuntanza que espertará a curiosidade e interese de moitos sectores da sociedade galega.
O obxectivo de ProLingua é a promoción do galego como lingua propia de Galicia e a consecución da súa oficialidade real. Concretamente, a plataforma considera irrenunciables todos os contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. É máis, esixe que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña a perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade. Por tanto, fai fincapé na visibilizacion da lingua galega, na súa defensa e na súa promoción e uso. Asemade, os socios de ProLingua comprométense co único requirimento de promover o galego tanto fóra do fogar coma dentro, e concordan con estar presentes como membros de ningunha outra organización. Tampouco conta o grupo con máis medios económicos que os achegados polos seus propios membros individuais, nin admite subvencións de institucións públicas nin privadas. Conxunta, dende logo, a independencia de pensamento co compromiso apartidario coa lingua galega.
Sen dúbida ningunha, esta plataforma apartidaria e plural nunca nacería sen a agresividade que a política de Feijóo exerce contra o patrimonio lingüístico galego. E na sociedade galega facía gran falla unha organización popular deste xorne que puidese encher o baleiro que os principais partidos foron incapaces de resolver. ProLingua, por e para a lingua galega, promete ser outra máis das primeiras leccións que leven os que gobernan hoxe en Galiza: que ese idioma túzaro e tenaz non se rende de maneira cómplice.
Artigo publicado o 1 de outubro no xornal Galicia Hoxe






0 comentarios on “ProLingua, artigo de Craig Patterson”
Deixa un comentario