Galegos contra si mesmos, artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe

Di Manuel Núñez Singala, autor da obra teatral titulada Comedia Bífida, que os argumentos que utilizan os detractores do idioma galego baseados na idea da imposición lle provocan franca hilaridade, pois se hai unha lingua imposta en Galicia, matiza o escritor, esa é o castelán. "De todas as canles televisivas que hai, só unha está en galego, é moi difícil atopar unha revista en galego e o cine na nosa lingua é practicamente inexistente, polo que falar de imposición paréceme ridículo". Velaí a realidade. Mais o certo é que existe un grupo ruidoso e fremente de galegos -agora censuran mesmo unha obra teatral de humor de Núñez Singala- que falan de imposición e terxiversan -pura patoloxía confusionista- o concepto de liberdade só co obxectivo de limitar, amputar, anular o uso do idioma propio de Galicia. Vexamos. Se o idioma galego é o propio do país, patrimonio de todos, ¿como é que poden existir cidadáns galegos que desprezan con tanta xenreira un dos máximos sinais de identidade e de existencia do pobo galego? Se estes cidadáns que así actúan son galegos de nacemento, aínda que non sexan galegofalantes, ¿como é que condenan o idioma galego -que se denomina galego porque naceu en Galicia, algo indiscutíbel- ao ostracismo, e pasando por riba das leis e aínda por riba dun mínimo sentimento cultural de respecto ao propio, cívico e democrático? Custa traballo entendermos a teima etnocida dese segmento de cidadáns galegos (estraño complexo o seu e enfebrecida aposta) que desexan cortarlle as azas a algo que é patrimonio seu e de todos. Talvez non saiban estas persoas que, no fondo, están contra si mesmas. Talvez non saiban que están negando algo que forma parte consubstancial, aínda que non sexan galegofalantes, da súa personalidade. Agora un dos grupos galegófobos, totalmente fóra da realidade, di que a Xunta de Núñez Feijóo financia actividades para escolares cun "alto contenido ideológico nacionalista". Textual. "É difícil entrar no cerebro e diagnosticar que ocorre" (Luis Rojas Marcos).

Artigo publicado no xornal Galicia Hoxe

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

5 Comentarios on “Galegos contra si mesmos, artigo de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe”

  1. #1 Manu
    o out 9th, 2009 ás 9:38 pm

    Ola!

    A min o que me parece irrisorio é que saia na tele (eu vino en A3) unha noticia na que se falaba dun xeito “entrañable” de que hai xente que se adica a aprender linguas mortas coma o arameo. E despois cando se fala do galego se fale de imposición e non de defensa para que a nosa língua para que non se convirta noutra destas línguas mortas.
    Os membros da “Galicia Bífida”, deberían de comezar a comprender o traballo que nos custa aos galego falantes desenvolvernos no noso ámbito profesional en galego, porque moitas veces non sabemos nin como se din as cousas e temos que importalas do castelán porque é o que probablemente entederá o noso interlocutor. Creo que se a miña formación fose nun galego digno (refírome a non ter que aprender galego en castelán como me pasou ata 6 de E.X.B.) e tivese máis horas tería un mellor coñecemento do idioma, e ao igual ca min o resto das persoas que se forman neste país. E cada un podería desenvolverse no idioma.
    E o feito máis claro de que os medios de comunicación fan que a xente coñeza (e fale) máis un idioma é que durante a dictadura de Franco, co galego prohibido nas escolas e só cunha canle (que chega a moi poucos fogares), a porcentaxe de galegofalantes era próxima ao 90%, hoxe en día perdemos preto de 50 puntos.
    Por outro lado, está o feito de subencionar anuncios en galego, que o único que fan é dobrar o son, pero o texto queda en castelán … máis confusión.
    Creo que a defensa da língua é vital para a nosa cultura, e senón que os “bífidos” comecen a pensar na cantidade de palabras que temos e que eles empregan no idioma do imperio-pequeno. Que sería se eliminásemos o francés e polo tanto conceptos como maître, chef … pois o mesmo pasaría co galego, e morriña, faisca, e tantos conceptos creados nos sectores primarios que dominaron os nosos antergos.

  2. #2 Alicia Lago Roca
    o out 9th, 2009 ás 10:18 pm

    SE SENTIDES QUE O GALEGO É IGUAL ÁS OUTRAS LINGUAS E NON MENOS IMPORTANTE; SE VOS DADES DE CONTA DA RELACIÓN ENTRE O IDIOMA E A IDENTIDADE DO POBO GALEGO; NON IMPORTARÁ CANTO POIDA FACER O GOBERNO OU A ASOCIACIÓN EN DEFENSA DO CASTELÁN.
    NÓS SOMOS UN GRUPO DE ESTUDANTES DE GALEGO DA ARXENTINA, A MAIORÍA FILLOS DE GALEGOS PERO TEMOS UNHA COMPAÑEIRA ITALIANA E OUTRA RUSA QUE APRENDEN GALEGO “PORQUE LLES PETA”. NINGUÉN NOS OBRIGA, É O NOSO DEREITO VIVENDO FÓRA DE GALICIA, APRENDER UNHA LINGUA QUE OUTROS, ESTANDO ALÁ, REXEITAN.

  3. #3 Ben falado Alicia!!
    o out 9th, 2009 ás 11:45 pm

    Porque nos peta!! sempre en galego!!

  4. #4 Fran
    o out 10th, 2009 ás 5:53 pm

    Eu traballo nunha escola na área metropolitana de A Coruña, e fixarvos se impoñen o galego, que o 95% dos meus alumnos non o empregan habitualmente. Claro, a maioría por non coñecer non coñecen nin as fermosas paisaxes do seu entorno. Lóxico, coa beleza incomparable dos centros comerciais…
    Onde imos? Que futuro agarda a quen esquece o seu pasado?
    Parece ser que un voto vale máis ca a propia identidade.

  5. #5 ERB
    o out 13th, 2009 ás 7:41 pm

    A Sociedade durme “apalancada” no sono da comodidade,do tòdolos iguais, do “encantado de haberme conocido”,dos dereitos individuais pro ao mesmo tempo na eiva dos “DEBERES”. Coma dixo un filósofo : i eu engado que sen loita nón hai progreso i o medo PARALIZA e nón deixar pensar. Coido que este fermoso Páis aínda é rehén do seu pasado e nón é quen de ollar cara o futuro, cara adiante. Faínos falla máis coñecemento do noso, do proprio, ca nón se lle esqueza a ninguén : O Galego foi o IDIOMA CULTO no Século X…¿ Entón qué pasou dende daquela ? ¿ Por qué agora estamos onde estamos? ¿ Onde está esa “burguesía” intelectual que sempre andivo agochada facéndolle ás beiras á Igrexa….?.
    Loitemos pola nosa identidade,pola nosa cultura,polas nosas costumes,polo noso traballo,polos nosos fillos e netos,por un PAÍS sen exclusións pro respeitado.Pra rematar unha pergunta ao Sr.Feixóo : ¿ Agora cas Olimpiadas no Brasil de língua galego-portuxesa,con 350 millóns de persoas falantes e nun acontecemento tal, QUÉ TEN QUE DICIR ?.

Deixa un comentario