12-10-2009

Caldeiros e lingua, artigo de Xosé María Lema

En EL CORREO do día 3 viña un artigo de opinión titulado Coruña, que nun principio versaba sobre o topónimo e acababa cun novo ataque ó ensino en galego. Sobre o topónimo xa ditaminaron hai anos as máximas autoridades lingüísticas deste país e nada teño que engadir, pois non son tan atrevido como outros.

O que si lle quería dicir ó articulista que ese chascarrillo do «sete ó caldeiro», atribuído a un profesor de matemáticas dun instituto do norte de Lugo (canto máis lonxe mellor), é máis vello que andar a pé e xa o teño escoitado ós «castellanos de Castilla», posto que neste idioma tamén hai «calderos y cubos» que poden facer rir utilizados en distinto nivel de lingua. Mentres non se cite a ese profesor da frase, con nome e apelidos, consideraremos que só é unha mentira máis -»elevada al cubo (o al caldero)»- das moitas que se levan publicado contra o galego.

Os profes de matemáticas que dan as clases en galego son tan licenciados universitarios como os que as dan en castelán. Eu tamén lle podería contar o chiste daquel pai que vai ó colexio protestar porque o fillo non entende as palabras raras en galego do profesor de Historia. «¿E cales son esas palabras raras en galego?», pregunta o director. «Pues le son: paleolítico, neolítico, megalítico?».

O propio articulista bota man dos prexuízos contra o galego cando afirma que o noso idioma é parco en termos científicos. ¡Como se o castelán fose o idioma internacional da ciencia, vamos! A isto xa lle contestaron cualificados científicos galegos que traballan no Centro de Investigación Nuclear de Xenebra. E tamén lle están contestando de ano en ano os responsables do programa ConCiencia do Consorcio compostelán, que traducen do inglés ó galego e ó castelán indistintamente as conferencias dos premios Nobel que traen.

Para colaborar co «noso» goberno na súa vergonzosa cruzada antigalega utilicen uns argumentos menos burdos e non insulten a nosa intelixencia, que o galego, con mil anos de historia, non é un idioma recén chegado ó concerto internacional.

Artigo publicado o domingo 11 de outubro de 2009 en El Correo Gallego

Chuzame! A Facebook A Twitter

Procurar

Nube de etiquetas Etiquetas

O ideario da plataforma ProLingua vén definido exclusivamente polo seu manifesto. Os artigos e textos que aparecen neste blog publícanse atendendo ao seu interese no debate sobre a lingua, independentemente de que coincidan en todo ou en parte co devandito ideario.