Ante a polémica xerada pola posta en escena da Comedia bífida de Manuel Núñez Singala, incluída dentro do programa ‘Bocaaberta’ ProLingua fai as seguintes consideracións:
- A Comedia bífida, creación literaria baseada en comportamentos reais, contén unha reflexión sobre o uso que a sociedade galega fai da súa lingua. A disección que realiza da diglosia leva á conclusión de que os prexuízos lingüísticos fan ridículo e patético a quen os mantén.
- Que un comportamento diglósico e prexuizoso mova ao riso, e máis se está esquematizado sobre o escenario, non lle debe estrañar a ninguén. Así vén sendo dende que apareceron na sociedade personaxes con estas características. As literaturas de todas as linguas con situacións de substitución lingüística están cheas de exemplos, tamén a do mundo hispánico en casos de convivencia desigual de idioma (p.ex. Estados Unidos). En Galicia a utilización destes personaxes é común tanto na literatura feita en galego coma en castelán. O conto El Cadiceño de Rosalía de Castro é tamén un magnífico exemplo.
- En España os grandes esforzos dos galegos que queren ocultar as súas orixes e pasar por casteláns sen que se lles note a procedencia tamén son ridiculizados e estereotipados dende hai séculos. Un bo exemplo témolo nos personaxes que o cinema español reservou durante moitos anos para seren interpretados por Xan das Bolas e Xan das Canicas ou Beatriz Carvajal, caso máis grave, se se quere, por ser de tempos máis recentes e contar cunha caixa de gran resoancia como é a TVE . A nós doíanos vernos representados así; eles divertíanse moito cando nos vían así retratados, porque esa era a visión colectiva que tiñan de nós. Nada importaba que nós tiveramos outra opinión.
- Non resulta doado enfrontarnos coa propia imaxe cando esta é reflectida a través do espello dos máis. Comprobar que un comportamento que se considera razoable, imitable, modélico... provoca as gargalladas doutros pode resultar moi desacougante e molesto, sobre todo cando un está no convencemento de que ese é o camiño -feito de renuncias e de desprezos- para conseguir a prevalencia social sobre a maioría.
- Intentar eliminar as opinións desfavorables que os demais teñen de nós facéndoas calar reflicte unha ideoloxía que, independentemente do nome que se lle dea, nega cada unha das acepcións da palabra liberdade.
Apelando ao dereito á liberdade de expresión e de opinión e recorrendo ao deber (e ao dereito) de defender, difundir e promocionar a lingua galega, ANIMAMOS:
- A Manuel Núñez Singala a continuar creando textos dramáticos que xiren ao redor da lingua galega.
- Ás editoriais galegas a seguiren escollendo estes materiais para promocionar a lingua galega.
- Aos poderes públicos, que legalmente están obrigados a potenciaren a lingua galega, a que continúen con estes programas de promoción da lingua galega e a que poñan en marcha outros que busquen a superación dos prexuízos e actitudes negativas, imprescindible para a reversión da perda de falantes.
- E a todos os centros de ensino, obradoiros de teatro, compañías profesionais, etc. a seguiren programando obras deste tipo.






o out 13th, 2009 ás 5:16 pm
Non podemos esquecer como nas escolas os rapaces teñen que estudar autores coma Góngora, Quevedo, Larra ou mesmo Unamuno, que frases, versos e ideas tan ofensivas (ou máis por vir de intelectuais) se teñen verquidas dende fai séculos no xa contra a nosa lingua, senón contra todo o que é o noso pais e o noso pobo.
Contra a presenza nas aulas texto deses autores e as súas ideas xenófobas compre accións de rexeitamento de máis fonda repercusión que a mera representación dunha “comedia bufa”.
o out 13th, 2009 ás 10:31 pm
Tiven a satisfacción de asistir a unha representación da obra “Comedia bífida” de Núñez Singala. Antes de ver a representación, pensei que sería moi moi difícil levar ao escenario unha peza que se caracterizaba polo seu didactismo, pois sabía que a súa trama pretendía xerar unha reflexión en torno á nosa situación lingüística.
A miña sorpresa foi asistir a unha entretida posta en escena e a un excelente traballo do elenco, alén de me decatar do ben escrita que estaba e do ben que retrataba os absurdos prexuízos lingüísticos da nosa sociedade.
Por iso éme difícil de comprender as críticas negativas sobre esta peza. Antes ben, ao contrario, deberían de ser excelentes, todos os parabéns serían poucos, pois ao meu ver é unha pequena obra mestra.
Recoméndolles a todas as persoas que teñan un mínimo de madureza e que queiran verdadeiramente educarse para a vida que asistan á súa representación. Paga a pena!
o out 13th, 2009 ás 11:08 pm
Non nos debemos sorprender pola censura que reclaman certos colectivos galegófobos minoritarios en todo o que se refira á promoción da lingua galega. E moito menos no ataque a unha obra, e aun autor como Singala, que leva ante os ollos do público os prexuízos existentes na sociedade, neste caso cara ao idioma. Como van ficar caladas unhas xentes ante unha peza que loita contra a discriminación se precisamente queren manter as desigualdades entre os cidadáns por mor da lingua que falan? Parabéns a Núñez Singala e a Galaxia pola obra e o espectáculo, a ProLingua pola defensa da liberdade e dos dereitos lingüísticos na procura dunha sociedade máis xusta e igualitaria. E tamén á Secretaria Xeral de Política Lingüística por programar esta actividade. Ao César o que é do César.
o out 15th, 2009 ás 2:02 pm
A min paréceme estupendo que esta obra a representen. Pero soamente a pode ver o alumnado de bacharelato, como pon na páxina da Secretaría, non? Pois precisamente pola súa calidade e actualidade debería estar aberta ao público en xeral!
o out 15th, 2009 ás 10:28 pm
Comedia Bífida
“Hoy vamos a juzgar el habla y lo que hay aquí son españoles, sólo españoles, salvo alguna excepción. A ver, hay aquí franceses? No. Y rusos? No. Hay chinos o rumanos o italianos o egipcios o etíopes? No. Sólo españoles, Por que? Porque los franceses hablan francés, los rusos ruso, los chinos chinés… sólo los españoles non quieren hablar español. Y eso es muy feo. En realidad no es que sea feo, es patético. Hay algo máis triste que una persona que se niega a ser lo que es y pretende ser algo diferente? (…) La traición es mala, pero la traición contra la propia identidad es penosa. Un español que desprecie su lengua atenta contra sí mismo, contra la identidade de su pobo, de su cultura, de su ser. No debería ni siquiera ser llamado español”.
o out 15th, 2009 ás 10:30 pm
“Hoxe imos xulgar a fala e o que hai aquí son galegos, só galegos, salvo algunha excepción. A ver, hai aquí franceses? Non. E rusos? Non. Hai chineses ou romaneses ou italianos ou exipcios ou etíopes? Non. Só galegos, Por que? Porque os franceses falan francés, os rusos ruso, os chineses chinés… só os galegos non queren falar galego. E iso é moi feo. En realidade non é que sea feo, é patético. Hai algo máis triste ca unha presoa que se nega a ser o que é e pretende ser algo diferente? (…) A traizón é mala, pero a traizón contra a propia identidade é penosa. Un galego que desprece a súa lingua atenta contra si mesmo, contra a identidade do seu pobo, da súa cultura, do seu ser. Non debería nin sequera ser chamado galego”.
Comedia Bífida