29-10-2009
Queremos
por Nel Vidal
Queremos que desde o goberno galego se deixen dunha vez por todas de sementar prexuízos lingüísticos baseados en falsidades como a da imposición lingüística. Queremos...
...unha radio e televisión públicas que apoien decididamente o proceso de normalización da lingua galega en todos os ámbitos. Queremos que a CRTVG cumpra a súa misión estatutaria primordial de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso do galego.
Queremos que haxa a garantía de que calquera persoa poida ser atendida en galego na administración. Queremos que as e os aspirantes a traballadoras/es públicas/os en Galiza teñan que demostrar no proceso selectivo a súa competencia práctica para desenvolver o seu traballo na lingua propia deste país, polo tanto, na lingua na que terán que desenvolver o seu traballo na administración.
Queremos software público en galego. Queremos a tradución pública á nosa lingua do software libre e a súa difusión e distribución. Queremos Mancomún.
Queremos que a Xunta lle dedique os recursos económicos necesarios ao proceso de normalización da lingua galega. Queremos que non haxa recortes nos orzamentos para a política lingüística.
Queremos o apoio decidido á creación, difusión e promoción dos produtos e servizos culturais en galego. Queremos Cultur.gal.
Queremos que a música en galego de todos os estilos ocupe espazos primordiais da programación da canle principal da Radio Galega e tamén da televisión pública. Queremos abertos por reformas, extrarradios e lumes na palleira.
Queremos que se respecten os nomes propios das nosas institucións, entidades, consellarías, organismos, concellos, etc.
Queremos poder ler na nosa lingua obras literarias tamén estranxeiras. Queremos, tamén este ano, axudas públicas á tradución.
Queremos que nas escolas infantís as nenas e os nenos poidan xogar e ir aprendendo en galego. Queremos darlles aos nosos fillos e fillas esa oportunidade. Queremos galescolas. Queremos que se retome o programa piloto de liñas de educación infantil en galego fixado no PXNLG e que en anos anteriores tivo unha gran demanda.
Queremos apoio decidido á creación cultural galega; á literatura, ao audiovisual, á música, á comunicación, á cultura tradicional, ás artes escénicas, etc. Queremos premios nacionais da cultura galega.
Queremos escoitar os cargos públicos falar na lingua propia do país e das institucións que representan. Queremos que no exercicio das súas funcións as conselleiras e os conselleiros e demais cargos públicos se expresen normalmente en galego, tanto por escrito como oralmente.
Queremos que o galego non sexa visto desde os poderes públicos como un atranco.
Queremos cinema en galego. Queremos que, cando menos, se siga actualizando e difundindo Foclos.tv, o cineclub do audiovisual galego na rede.
Queremos que se respecten e que non se poñan en dúbida os únicos nomes lexítimos dos nosos lugares, aldeas, parroquias, vilas, concellos e cidades.
Queremos o cumprimento estrito do Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo e do resto de lexislación vixente.
Queremos que desde as administracións públicas non se financien entidades que teñen como obxectivo a redución do uso –e prestixio– do galego.
Queremos a volta do Partido Popular ao consenso que supuxo o aprobado por unanimidade Plan xeral de normalización da lingua galega, pois os acordos asinados por todos só poden ser substituídos por acordos asinados por todos. Queremos que non haxa nin un só paso atrás. Queremos que os poderes públicos cumpran coa súa obriga e responsabilidade de apoiar o proceso de normalización da lingua galega.
... E os bebés non saben ler subtítulos. Si, tamén queremos Teletubbies en galego.
Queremos respecto...
Queremos Galego!
---------------
Nel Vidal Barral é presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL)
Máis librarías nas que están os pins de ProLingua:
Libraría Pedreira na Rúa do Home Santo en Santiago
Libraría Xicos en Cabanas






o nov 2nd, 2009 ás 10:04 pm
Parabéns para o Nel Vidal polo seu escrito. Lúcido e claro como a auga.
Eu engadiría dúas cousiñas:
1.- Que tamén quero, ou queremos, que o noso goberno autónomo lle dea PREFERENCIA AO GALEGO nos LETREIROS e CARTEIS. Non me parece que o goberno lle estea outorgando unha particular protección ao galego cando nin se molesta en xestionar a mudanza de “viaducto de o Ulla”, “provincia de a Coruña” ou “autopista del Atlántico”. Queremos que en primeiro lugar, como mínimo, estea sempre en galego: “viaduto do Ulla”, “provincia da Coruña”, “autoestrada do Atlántico”. SEMPRE SEMPRE SEMPRE, E EN PRIMEIRO LUGAR, EN GALEGO. Que se vexa esa especial protección que merece a lingua propia!!
(Despois, se proceder, en segundo lugar o castelán e en terceiro lugar o inglés ou outras linguas. Pero en galego que non falte nunca, e en primeiro lugar.)
2.- Para alén diso, queremos que o noso goberno autónomo coide de modo particular a CALIDADE da nosa lingua na correspondencia, impresos, páxinas web, publicacións, etc. oficiais. Non queremos seguir encontrando escrito “consellería”, “acudirá o servizo” (“o” sen acento) ou “que poda ter”. Queremos encontrar “consellaría” (como apuntou explicitamente de preferencia a RAG na nova normativa oficial do ano 2003), “acudirá ao servizo” ou “que poida ter”. Tamén non queremos encontrar nin grallas nin paupérrima expresión galega nos formularios das oposicións… De se esbribir en galego, queremos que se escriba ben, correctamente, e tirándolle proveito a toda a riqueza expresiva que ten a nosa lingua. Queremos que calquera escrito en galego da Xunta sexa un modelo de lingua ao que recorrer, e non unha mostra do desinterese e desleixo lingüístico da propia Administración.
o nov 3rd, 2009 ás 9:44 am
Ou mellor aínda coa perífrase ir+infinitivo, “vai acudir ao servizo:”, que é unha expresión moi propia do galego e que se usa ben pouco nos escritos/documentos oficiais.