Do noso compañeiro de ProLingua Marcelino Fdez. Mallo

Marcelino Fernández Mallo
Un Valedor que non vale
outubro 31, 2009

O pasado 31 de Xullo, remitín ó Valedor do Pobo un escrito denunciando o uso exclusivo do castelán, por parte da Delegación de Facenda da Xunta de Galicia na Coruña, nunhas xestións persoais. Dende o primeiro cartel informando do horario ou a asignación das quendas, ate o formulario de instrucións pasando pola propia atención da funcionaria, o 100% das comunicacións cara a min producíronse en castelán. No meu escrito, subliñaba o feito de ser eu un cidadán galego, utilizando o galego en todo momento, dirixíndome a unha oficina da administración galega nunha cidade igualmente galega; malia todas esas “coincidencias”, o idioma no que son atendido resulta ser o castelán. Tras varios avisos intermedios sen interese, a denuncia quedou resolta segundo o ditame seguinte:

“Como vostede ten coñecemento, con data 31 de xullo de 2009, recibiuse o seu escrito de queixa, que quedou rexistrado nesta Institución co número P.3.Q/1361/09, no que nos indicaba que o 16 de xullo acudiu á Delegación de Facenda na Coruña para realizar uns trámites; que observou que os letreiros están en castelán exclusivamente. Nas columnas as instrucións tamén están redactadas en castelán. Que cando chegoulle o turno (erros encadeados na redacción do ditame) dirixiuse á funcionaria en galego, e esta atendeuno todo o tempo en castelán. Que lle entregaron unha folla que tamén estaba en castelán e cando a solicitou en galego lle contestaron que non a tiñan. Denuncia que acudiu a unha administración autonómica galega expresándose en galego e toda atención tanto persoal como de información estaba en castelán exclusivamente.

Unha vez estudada a súa queixa, foi admitida, en referencia neste caso á vulneración do artigo 3 da Constitución Espñaola e 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia, ao entender que reunía os requisitos formais establecidos no artigo 18 da Lei 6/1984, do 5 de xuño, do Valedor do Pobo, e que atopaba, en principio, cobertura constitucional. Solicitado o preceptivo informe á Consellería de Facenda, sendo remitido este pola citada administración, e no mesmo esencialmente indícase:

Respecto a que os carteis indicativos están só en castelán, esta información non é correcta, xa que os letreiros das columnas están en galego.

En relación a que a funcionaria o fixo en castelán, coa información facilitada non resulta posible identificar nin o contribuínte nin á funcionaria nin polo tanto indicar os feitos exactos que aconteceron. En termos xerais, dada a cooficialidade dos idiomas galego e castelán, aténdese nos mostradores indistintamente en ámbolos dous idiomas.

En canto ás instrucións aclaratorias que se entregan no mostrador aos contribuíntes, aclarar que non se trata de modelos oficiais, senón resumes realizados polos servizos para axudar aos administrados para cumprir os trámites e que lle adoitan resultar de bastante utilidade. Tales documentos existen en ambas linguas salvo esgotamento puntual de existencias.

Que examinados en primeiro lugar o escrito presentado polo recorrente, e tendo en conta así mesmo o informe remitido pola Consellería de Economía e Facenda, esta institución considera que non resulta necesaria a continuación do presente expediente ao non observarse unha mala actuación por parte da administración denunciada.

Polo que procede o arquivo da presente queixa.”

Seica esta é a institución que defende ós cidadáns galegos das disfuncións da Administración. E eu pregunto: quen me asiste fronte un Valedor manifestamente incompetente, fronte a un Valedor que non vale?
Ver aquí o blog do autor http://atrenza.blogaliza.org/

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

1 Comentario on “Do noso compañeiro de ProLingua Marcelino Fdez. Mallo”

  1. #1 Agustín
    o nov 2nd, 2009 ás 1:11 am

    Paréceme moi ben que Marcelino fixese pública a resposta enviada polo Valedor (?), porque historias así son as que nos permiten ver os problemas sociais que leva aparellados vivir en galego e, sobre todo, a defensa que podemos agardar dunha institución como a do Valedor do Pobo. O do “esgotamento puntual de asistencias” é boísimo!
    Con todo, hai que lle agradecer ao Valedor que dea ideas útiles. Coma tal, cando se vaia facer unha xestión administrativa (a Facenda ou a outro lugar), é conveniente levar canda nós unha persoa amiga cunha cámara de vídeo para que recolla as nosas peripecias. Tamén pode gravalas o interesado, se non hai ningún amigo a man, pero é moito máis molesto, agás que se teña experiencia.

Deixa un comentario