Lingua e sociedade civil
Quero comezar por deixar constancia clara, sempre poñendo por diante o meu respecto polas persoas, da miña incomodidade ao me encontrar compartindo mesa cos negacionistas, con aqueles que procuran a asfixia da lingua propia de Galicia, con quen se esforza na ignominia de lle negar o aire pretendendo afogala.
Unha acción de agresión directa, unha actitude de obscena blasfemia contra a lingua galega propician e xustifican a aparición destas e doutras plataformas de defensa do galego, e todas co mesmo obxectivo: poñer ao descuberto as mentiras creadas para a organización e posta en marcha do desmantelamento dos tímidos avances en normalización lingüística en Galicia.
Con mentiras coma a da imposición do galego, embuste que todos (os negacionistas tamén) sabemos que o é, por mais que algúns, por seren parte interesada na súa aparición, teimen en negar a súa condición de trola e outros por covardía, xa que sabendo que nada hai de certo na afirmación da existencia dunha situación de imposición do galego nin agora nin antes nin nunca, por covardía -repito- intenten agocharse detrás da ambigüidade de que algunhas persoas así o percibiron e sentiron. Non, porque aínda que houbese quen sentiu que había tal imposición, sendo a verdade a que é e non outra, a función da Secretaría Xeral de Política Lingüística era a de aclararlles a verdade, que nunca houbo tal imposición e non mantelos no engano no que viven.
E permítaseme o persoal. Que me van dicir a min de imposicións aos meus anos e coa miña biografía de neno de aldea desprezado na escola, nas visitas á capital, na doutrina… A min que no ano 1956 portei, no Seminario Diocesano de Lugo, máis dunha vez a prenda vergonzante e visíbel da ignominia diante dos meus compañeiros, convidados a riren de min en altas gargalladas por ser eu sorprendido falando en galego. Tamén desde esta experiencia podo asegurar, amigas e amigos, que o da imposición do galego é unha vulgar mentira.
Como mentira é que as medidas de desprotección da lingua galega que se propoñen se fagan como consecuencia da falta de liberdade lingüística en Galicia. Iso é falso e falsarios son os que o din. Esa utilización sacrílega da palabra liberdade non é nova, sirva como camiño para rastrexar a orixe de tal espurio uso o que se di na páxina 110 dese libro que todas e todos coñecemos e que se titula Los hombres que no amaban a las mujeres de Stieg Larsson. Di Henrik Vanger cando se refire a seu irmán Richard “[…] se unió a la Asociación Nacionalsocialista Sueca por la Libertad, uno de los primeros grupos nazis del país. ¿No es fascinante que los nazis siempre consigan meter la palabra “libertad” en su propaganda?”
Con ambas cousas, a imposición e a liberdade lingüística, confeccionaron unha ficción ideolóxica ao estilo de “la niña de Rajoy” ou da “Raíña da beneficencia” creada polo goberno Reagan, como conta o filósofo Slavoj Žižek, e utilizada pola dereita norteamericana para a supresión do Estado social. Neste caso a ficción ideolóxica é “os nacionalistas e os seus cómplices os socialistas queren impoñer o galego e facer desaparecer o castelán de Galicia”. Que iso era unha falsidade, e que? Cando se dean de conta de tal xa estará inoculado o parasito no sangue do suficiente número de simples e xa se estende a epidemia. E quen vai negar que as imposicións son malas? Eu non. Quen non se alarma diante da ameaza de ver recortadas as súas liberdades? Ninguén. Pouco importa que o da imposición fose unha mentira, que ningún castelanfalante vise en perigo a súa liberdade lingüística, o caso era que o cresen irreflexivamente algúns, xa estaba montado o embuste.
Por iso digo e sosteño que todo, neste ataque á lingua galega, se baseou en mentiras e sobre as mentiras se está a construír un edificio que, cando caia, pódenos esmagar a todos, tamén aos seus arquitectos.
Eu, coma vós, escoiteille onte ao señor Secretario Xeral de Política Lingüística que este goberno defende a lingua galega e está na boa disposición de promover o seu uso. É certo que admitiu de mala gana que o da reforma da Lei da Función Pública non estivo aló moi ben. Tan mal está, digo eu, que é un ataque frontal aos galegos e galegas nos seus dereitos lingüísticos e laborais. Pero tamén deberá estar comigo en que, sen estar derrogado o decreto 124/2007 a vixilancia no seu cumprimento é moi, pero que moi deficiente á mantenta. Que na educación infantil houbo disposicións que propiciaron un retroceso no tocante á normalización lingüística.
Pero se as cousas son como di o señor SXPL e este goberno defende a lingua galega e promove o seu uso, poderá citarme unha soa norma ou disposición proposta nos seis meses que leva no goberno que dea fe de tal cousa. Non hai ningunha, só actitudes e disposicións que fan rever o seu uso e prestixio, unha serie de actuacións que só de glotocidio se poden cualificar.
Mentres, os membros do goberno adoptan actitudes de negacionismo con visíbeis mostras de chulería e revanchismo, iso si ao agocho do señor Feijoo que usa adoito o galego porque o rei encarga, pero nunca luxa as súa mans no sangue dos masacrados.
Ben, hai que ir acabando. E fareino deixando aquí uns puntos que ProLingua considera irrenunciábeis por se ter demostrado que este país funcionaba ben e en certa harmonía con eles:
a) Esiximos que a lingua galega, como lingua propia de Galicia, acade unha situación de oficialidade real e plena, sendo promovida a súa presenza en todos os ámbitos e situacións da sociedade, con especial promoción do seu uso naqueles ámbitos nos que se viu ate agora excluída: xustiza, empresa, medios de comunicación…
b) Que se manteña a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística e que se faga cumprir.
c) Que as normas futuras se formulen de acordo cos contidos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e que sexan dirixidas á consecución dos obxectivos alí expresados.
d) Que calquera modificación que se puidese facer no futuro da LNL e do PXNLG se fagan co mesmo consenso unánime co que se elaboraron as vixentes.
e) Que non se leve a cabo ningunha modificación lexislativa nin normativa que signifique perda dos dereitos adquiridos polas galegas e galegos verbo do uso da lingua galega e do seu carácter de sinal de identidade galega.
f) E por último, no tocante a un novo decreto de uso da lingua galega no ensino non universitario, lembrar que, como xa quedou sobradamente expresado en sentenzas do Tribunal Constitucional e, recentemente, do Tribunal Supremo, sen dúbida ningunha, non existe o dereito á libre elección por parte dos pais da lingua vehicular da educación; que a Constitución Española non ampara tal dereito por inexistente, nin para don Estanislao nin para ninguén. Acabouse. Non hai máis voltas que lle dar.
Agora ben, se no novo decreto que están a cociñar lles dese por estabelecer tal dereito facendo caso omiso do que di a nosa LNL, estaría, quen tal faga, cometendo unha fraude contra a Constitución. ao andar a deseñar camiños tortos polos que falsear o seu espírito. Nunca máis me falen de respecto á Constitución cando vostedes pasan por enriba dela coma xogando aos saltapoxigos.
Desde ProLingua queremos dicir que nunca admitiremos un decreto que supoña perda de dereitos adquiridos. Non veñan con trampas. Non traian decretos que estabelezan, explícita ou implicitamente, máximos para o galego; non me saian con nomenclaturas inexistentes (materias troncais) nin as definan agora á comenencia; non veñan cun decreto que non inclúa na práctica docente o galego como lingua vehicular daquelas materias que a sociedade ten como termómetros de prestixio, por mais que a min me pareza unha valoración errada.
E non deixen de tomar en consideración que tanto a sociolingüística coma a pedagoxía e a didáctica admiten hoxe, con case unanimidade, que só as solucións que contemplan un reparto ao 50% en cada unha das linguas como instrumento vehicular do ensino garante, minimamente, a competencia nas dúas linguas ao finalizar o ensino obrigatorio, ese obxectivo que todos din perseguir e que a realidade demostra que non está acadado.
Vigo, 19 de decembro de 2009
Xabier P. DoCampo (ProLingua)






o dec 20th, 2009 ás 2:55 pm
Parabéns, Xabier, polo teu discurso, que é o de todos nós. Parabéns pola clareza e contundencia da argumentación, dialecticamente invulnerable grazas á apelación aos feitos -tan incontestables como lamentables- que o Goberno galego ten perpetrado nesta materia desde a primeira hora.
Só dous apuntamentos: (i) entre os especialistas, predomina a opción pola inmersión lingüística como método de adquisición de competencia lingüística plena, aínda que obviamente non habendo posibilidade social de implantar ese modelo, mellor 50/50 que a pura lei de oferta e demanda; e (ii) os que tedes contactos con quen ten acceso a información máis ou menos reservadas, dádelles esta pista paar que investiguen: diñeiro que sae directamente da FAES en Madrid (si, dos nosos impostos!) a unha empresa de Araba/Álava, desde a cal se transfere a Vigo a favor de GB (Grandes Bastardos). A ver se conseguimos desmascarar, con probas, quen son estes “apolíticos” defensores da “liberdade”.
Saúdos e, unha vez máis, parabéns.
o dec 20th, 2009 ás 8:50 pm
Parabéns pola intervención… e adiante!!
Co todo, penso que no noso ensino é necesaria a inmersión lingüística en galego, para recuperarmos e dignificarmos verdadeiramente a nosa lingua. Para atinxir unha excelente competencia en español é máis que suficiente unha única materia por curso de lingua e literatura castelás, por causa da omnipresenza do español na vida diaria galega. En Cataluña, o alumnado obtén mellores resultados en castelán na selectividade do que alumnado doutra comuniades con lingua única español, e en Cataluña só existe unha soa materia de castelán (lingua e literatura) por curso (abonda).
o dec 20th, 2009 ás 10:29 pm
“Non sei se houbo ou non houbo imposición do galego”, afirmou sábado en Vigo o representante de Galicia Bilingüe ante unha pregunta directa de Xabier Docampo.
En que quedamos? Levan anos coa matraca da imposición e agora din que non saben se a houbo, ou sexa que recoñecen publicamente que mentiron e manipularon a propósito.
Quen lles pode crer nada a estes falsos?
o dec 20th, 2009 ás 10:33 pm
O titular do Xornal foi bastante penoso (por non falar dos contidos, parece que alí só houbo GB). O titular tiña que ser este: “Galicia Bilingüe di agora que non sabe se houbo imposición do galego”. Ese era o titular, e non o do “rostro amable”, con todo e ser certo.
O tal José Luís Mato é o secretario do Concello de Pontevedra, intimísimo amido de Alfonso Rueda Valenzuela.
o dec 20th, 2009 ás 10:36 pm
Ou estoutro:
“Galicia Bilingüe recoñece por primeira vez que a ditadura franquista reprimiu e perseguiu o galego”
(Ata onte dicían que os galegos abandonaron o idioma porque viron que o castelán lles abría portas e o galego non, por comenencia, non por opresión ningunha).
Ou estoutro:
“Galicia Bilingüe non sabe o que é a lingua materna”
Ou moitos outros máis. Eses eran titulares.
o dec 20th, 2009 ás 11:01 pm
Pois aínda menos mal que se subiu á páxina a intervención de Xabier! Porque, se polos xornais fora, quedabámonos sen saber nada dela. Pareceume especialmente desafortunada a crónica aparecida en Xornal de Galicia, que parece escrita a maior gloria dos de Galicia Bilingüe. Como é posible tanta miopía? Como se lles pode deixar dicir o que o representate declarou sen salientar o seu discurso mentiroso? Agás que aceptemos como bo aquilo de Groucho Marx: “Estes son os meus principios, pero se non lle gustan teño outros”.
o dec 20th, 2009 ás 11:26 pm
[...] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, ProLingua. ProLingua said: Xabier Docampo en Ecolingua: http://prolinguagalega.org/2009/12/20/lingua-e-sociedade-civil-intervencion-de-xabier-p-docampo-en-ecolingua/ [...]
o dec 21st, 2009 ás 3:30 am
Quique, estiven falando ao finalizar co tipo de GB e cando lle dixen que negara a imposición do galego no decreto do bipartito dixo que non o negara, que o definía como coercitivo, o cal viña querendo dicir: imposición.
Moito me temo que para a charla volveron poñer a pel de cordeiro, pero oxalá que polo menos comeces a deixar de botar entullos sobre o tema nos medios.
o dec 21st, 2009 ás 4:48 pm
Parabens Xabier, magnifco coma sempre! Parabens por ese discurso que desmantela eses dous conceptos : a “imposicion” e en nome da” liberdade”Nunca o significado dalgunhas palabras na sua boca ´´e o significado de seu. Que non prostituan as palabras, xa esta ben! Parabens, tamen por facer esa alusion tan clara e evidente a Constitucion. Fan o que lle da a gana , sen respecto de ningun tipo, como moi ben di o que asina “un lector”:
… aquilo de Groucho Marx: “Estes son os meus principios, pero se non lle gustan teño outros “
o dec 21st, 2009 ás 8:29 pm
Parabéns Xabier por representarnos a todos e todas nesa mesa con tan brillante discurso. Estou certa de que o teu xeito de dicilo o fixo moito mellor do que xa é o texto escrito.
o dec 22nd, 2009 ás 2:17 am
Xornal de Galicia, decepción absoluta.
Cantádelles as corenta, para que non se repita, por favor.
Moi ben o Docampo.
o dec 26th, 2009 ás 2:31 am
Sólo para darte la razón y quitársela a ellos (GB) me voy a permitir hacer este comentario en castellano. Mi familia es castellana, en casa siempre se habló castellano. Nací en Galicia. Dicen que nuestro idioma es aquel en el que nos enfadamos y yo blasfemo en castellano.
Sin embargo fui testigo de la represión del gallego en la escuela, es algo que no entendía y que vivía con mucha violencia, miedo e incomprensión.
Cuando llegaban estudiantes de las aldeas ( Fonsagrada, Castroverde) a mi colegio se les prohibía hablar en gallego, si lo hacían eran castigadas con violencia física y psicológica, se les prohibía la salida los fines de semana, bofetones….
Mi cabeza de niña pequeña nunca logró entender aquello, yo no hablaba gallego y sin embargo no tenía problema con las compañeras que me hablaban en gallego, las entendía y ellas a mí también.
A veces me ponía a imaginar que no me permitían hablar castellano y sentía miedo, sentía miedo de aquella imposición. A pesar de mi juventud percibía claramente la superioridad, el desprecio y la violencia desde donde se hacía.
También sentía vergüenza, de que mis compañeras pensasen que yo (por hablar castellano) aceptaba aquella situación, que me gustaba, que tenía algo que ver con ella. Siempre que me sentía en confianza e intimidad procuraba aclarar que no era así.
Sigo viviendo en Galicia, no he tenido la suerte de vivir la experiencia de tener Gallego ni siquiera como asignatura en mi formación de Instituto. Lo lamento profundamente porque aunque hago esfuerzos (nunca los suficientes) arrastro todas esas horas “no dedicadas” a esa formación. Es más, soy docente y me cuesta, me cuesta mucho y pienso en aquellos días de represión y ese recuerdo me da fuerzas para intentar día a día hablar en gallego en el aula. Si cambian la ley todavía lo intentaré con más fuerza.
Es lo que me queda, para que nunca más un pueblo sea privado de la libertad de hablar su lengua. Es desde ahí, desde donde entiendo la necesidad de recuperar el terreno perdido, solo una vez recuperado podremos ELEGIR de verdad que lengua queremos hablar.
Cuando era pequeña no pude elegir que idioma hablar porque no me enseñaron, ahora que puedo elijo Gallego.
o dec 26th, 2009 ás 6:28 pm
Grazas, Carme, polas túas palabras. Son testemuño da verdadeira cara da imposición e alento para os que loitamos pola verdadeira oficialidade e pola verdadeira igualdade para o galego. Nin nunca foi para ti, aínda que non nos coñezamos persoalmente, motivo de conflito que eu che falase en galego nin para min o foi que ti me falases en castelán. Non queremos nin pedimos máis: o dereito a elixir en situación de verdaeira igualdade.
o dec 27th, 2009 ás 2:11 pm
[...] Se a nosa hipótese máis desfavorable se verifica, propoño como primeira medida que dende a sociedade civil nos defendamos pacificamente amparados con novos autocolantes de «Falemos galego» ou de «Galego [...]