Unha ameaza á liberdade, artigo do membro de ProLingua Agustín Fernández Paz

Unha ameaza á liberdade

-Cando eu emprego unha palabra –dixo Humpty Dumpty co mesmo ton despectivo- esa palabra significa exactamente o que eu quero que signifique, nin máis nin menos.
-A cuestión é saber –dixo Alicia— se se pode facer que as palabras signifiquen tantas cousas diferentes.
-A cuestión –respondeu Humpty Dumpty— é saber quen é o que manda... e punto!

Alicia do outro lado do espello, Lewis Carroll

1. Escribo estas palabras logo de escoitar na radio e de ler nos xornais electrónicos as liñas xerais do borrador do novo decreto que regulará o galego no ensino, así como as declaracións do presidente señor Núñez Feijoo na rolda de prensa onde se presentou.

Non me vou deter agora na valoración dos contidos deste borrador, algúns tan transcendentais como a severa redución horaria que sofre a lingua galega ou a presenza da lingua inglesa como vehicular, un subterfuxio para “vender” mellor á sociedade este novo decreto e enmascarar o evidente proceso de minorización da lingua no ensino. De todo iso, e de máis, haberá tempo para falar nas vindeiras semanas. Hoxe só quero determe na reiterada apelación á “liberdade” dos pais e nais, e no papel que se lles outorga na elección da lingua que utilizará o profesorado na aula.

2. Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes (e as castelán falantes que non teñan prexuízos) sabemos que a nosa liberdade lingüística está moi limitada. Son numerosos os atrancos que se nos presentan, sobre todo en determinados ámbitos urbanos, para desenvolver a nosa vida cotiá e profesional en galego. Tan numerosos son, que moitas persoas ocultan socialmente a súa lingua, sexa para evitar desagradables problemas nas relacións sociais, sexa por imperativo da empresa onde traballan. É o fenómeno da invisibilidade social do galego, derivado dos prexuízos sobre a lingua existentes na sociedade; fenómeno amplamente estudado, sobre o que non insistirei aquí.

Estes atrancos reiterados non os padecen as persoas castelanfalantes, que poden desenvolverse con plenitude na súa lingua. A min isto último paréceme moi ben, como é obvio. O que me parece mal é que as galegofalantes non poidamos ter uns dereitos semellantes. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelán falante.

Para iso é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén decida libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. A dobre competencia é clave para garantir a liberdade lingüística. Unha competencia bilingüe que xa posuímos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. E que posúe tamén un sector das persoas castelanfalantes que non teñen prexuízos sobre a lingua e non perciben como unha ameaza ou unha afronta a presenza do galego na sociedade.

3. Acadarán unha boa competencia en galego os alumnos e alumnas que se van escolarizar nun sistema educativo onde van ter un 33% (teórico, que se a práctica continúa como ata o de agora nun significativo número de centros, nin iso haberá) de docencia en galego? Por desgraza, salvo apelando á fe irracional nos milagres, sabemos que a resposta é negativa. Calquera manual de sociolingüística aplicada ao ensino explica o evidente: que unha lingua minorizada socialmente ten que estar presente nas aulas cando menos na metade do currículo.

Por riba, en Galicia xa temos experiencia práctica, porque ben nolo demostrou o decreto 247/1995, que tamén contemplaba un uso minorizado do galego. Os seus malos resultados respecto do obxectivo básico (acadar unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) foron, precisamente, unha das razóns que levaron á elaboración do Plan Xeral de Normalización do ano 2004. Por certo, o señor Núñez Feijoo, que daquela era vicepresidente da Xunta, votou afirmativamente o PXNL no Parlamento. Como crer en diante nas súas propostas de consenso? Acaso non era un consenso –moi meditado e moi traballado, podo dar fe como persoa implicada— o PXNL?

4. Con este decreto, o mandato principal da Lei de Normalización Lingüística (garantir que o alumnado acade unha boa competencia nas dúas linguas oficiais) convértese en papel mollado, malia as palabras baleiras que tentan negalo e poñer a venda antes da ferida. Unha significativa porcentaxe do alumnado, con seguridade, acadará unha escasa competencia en galego. Se a Administración se atreve a propoñer controis externos de avaliación das competencias, en poucos cursos poderemos constatar os amargos froitos obtidos. Os futuros cidadáns que exercerán a avogacía, ou traballarán na administración, ou na fontanería, ou no comercio, ou na medicina, ou nas notarías... non van ter a competencia necesaria para que nós, ou os nosos fillos e fillas, poidamos usar a lingua en calquera situación.

Un decreto coma este supón un intento de converter unha parte da cidadanía en cidadáns de segunda. Un ataque ás liberdades que non se fai de fronte, senón apelando á “liberdade” dos pais. O Ministerio da Verdade que profetizou o señor Orwell habita entre nós!

5. Lembremos, unha vez máis, o evidente: a educación dos nenos e nenas, nunha democracia, non é algo que poidan decidir os pais directamente, porque afecta a toda a cidadanía. Aos que teñen fillos e aos que non, aos que xa non os teñen en idade escolar e aos que pensan telos no futuro. E tamén aos pais e nais que teñen fillos escolarizados, xaora.

Por esta razón, a estrutura do sistema educativo, o horario escolar, as materias que se imparten e os seus respectivos currículos, a capacitación do profesorado, os sistemas de avaliación... son todos aspectos que deciden e regulan os gobernos democráticos, precisamente porque afectan a toda a cidadanía.

O mesmo debería suceder co uso das linguas no sistema educativo. A que se debe esta evidente deixación de funcións por parte da Xunta, malia a claridade coa que xa falou o Tribunal Constitucional? A apelación á liberdade de escolla das familias é unha evidente terxiversación do termo “liberdade”, máis grave aínda se temos en conta que se lles pide opinión sobre unha lingua sometida a arraigados prexuízos sociais, que esixiría políticas activas para favorecer o equilibrio coa lingua máis asentada socialmente.

6. Como ocorre con outros aspectos da ideoloxía neoliberal, úsase a palabra liberdade cando, en realidade, o que se quere dicir é “liberdade para uns poucos” ou “liberdade para os que xa están en posición de privilexio”.

Hoxe está en xogo algo máis que a pervivencia da lingua e a consolidación dos logros acadados, está en xogo algo máis que o baleirado real da Lei de Normalización Lingüística. As persoas galegofalantes imos ter, se este decreto entra en vigor, as nosas liberdades sociais ameazadas. Que a ameaza se converta ou non en realidade, está en mans de todas as persoas que desexan unha sociedade máis libre, máis igualitaria, máis culta. E, sobre todo, máis xusta.

Agustín Fernández Paz
31.XII.09

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

18 Comentarios on “Unha ameaza á liberdade, artigo do membro de ProLingua Agustín Fernández Paz”

  1. #1 María L
    o dec 31st, 2009 ás 8:40 pm

    Cómpren tropecentasmil respostas coma ésta. Non permitamos que esta ameaza se converta en realidade.

  2. #2 Tweets that mention UNHA AMEAZA Á LIBERDADE Un artigo do membro de ProLingua Agustín Fernández Paz | ProLingua -- Topsy.com
    o dec 31st, 2009 ás 10:26 pm

    [...] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Kiko Chevarria. Kiko Chevarria said: Agustín Fernández Paz sobre o decreto http://bit.ly/7aOs2u Unha ameaza á liberdade |Imprescindíbel Pese a todo Feliz Ano #queremosgalego [...]

  3. #3 Celin
    o xan 1st, 2010 ás 5:27 pm

    Aqui en Bos Aires é o mesmo, temos moitos atrancos. O galego é o grupo inmigrante que teñe que loitar na propia colectividade para manter o uso da lingua. Os demais falan na sua lingua de orixen, japoneses, chinos, outros pobos europeos.

  4. #4 Narciso de Gabriel
    o xan 1st, 2010 ás 11:17 pm

    Agustín, parabéns polo teu artigo. Dá gusto comprobar como a nosa lingua ten valedores tan sensibles e intelixentes. Como tamén dá gusto comprobar, cando se lé o texto da intervención de Xabier P. DoCampo en Vigo, que ten valedores tan contundentes. Que todo cómpre para os tempos que se aveciñan.

    Narciso de Gabriel

  5. #5 Antón Costa Rico
    o xan 2nd, 2010 ás 3:36 am

    Luminosa reflexión a de Agustín. Magnífico.
    Imos ter de inmediato unha seria batalla; xa a a temos día a día, infelizmente. Máis agora, deberán arreciar os xestos. E que me dicides, “do que se sentou entre o público”?; el non tera vergoña?; seica se titulou no seu día “salvador de muebles”….(?). O estropicio poderá ser de campionato. Na maior parte da privada han estar contentes, como en GB, e mesmo frotándose as máns cos debates nos centros públicos, .. aínda que se cadra non chegamos aí, mercede á cordura democrática e cívica. Amigos e amigas, acordémonos da batalla do Prestige, que, creo, que gañamos socialmente. Co mesmo esforzo, coa mesma enerxía, convencendo…

  6. #6 Jesus Ben
    o xan 3rd, 2010 ás 12:00 am

    Espero que sexamos moitos mais os que pensamos como agustin etodes xuntos sexamos capaces de darlle a volta a ese decreto asesino que tentan impoñer por forza….

  7. #7 S.
    o xan 3rd, 2010 ás 7:54 pm

    Grazas e parabéns, Agustín. Concordo plenamente contigo. Así mesmo, partillo a opinión doutras persoas que deixaron o seu comentario: precisamos da forza de todas e de todos para loitarmos contra este decreto e, en xeral, contra o lingüicidio que está levando a cabo o goberno Feixóo.

  8. #8 Anxos
    o xan 5th, 2010 ás 2:17 pm

    Non podemos arrincar da boca dalgúns as palabras “liberdade” (ou “imposición”); pero, con artigos coma este, Agustín axúdanos a clarexar cal é o verdadeiro uso que lles dan e retrucar os seus argumentos baratos. Grazas!!

  9. #9 cantares de cego » Blog Archive » Unha imaxe para o decreto do galego
    o xan 5th, 2010 ás 11:04 pm

    [...] no desaproveitamento da nosa potencialidade lingüística; o escritor Agustín Fernández Paz numeraba 6 pontos que a modo teolóxico se poderían resumir en dous: ilegalidade estatutaria e ausencia de [...]

  10. #10 José Mª Martín López-Suevos
    o xan 6th, 2010 ás 8:56 pm

    El argumento del auto-odio no se sostiene, la gente habla en lo que quiere, cuando quiere y donde quiere. Y si la gente no se atreviese a hablar en gallego, lo cual no es cierto, ¿justificaría eso la imposición o una policía lingüística como la que ejerce la Mesa por la Normalización? Ustedes sólo quieren democracia para imponer su voluntad, el ejemplo el decreto 124/07 que todos Uds. aplaudieron y que no es sino la utilización de los esclavos lingüísticos – los alumnos de enseñanza obligatoria- a los dictados de una política de inmersión forzosa.
    La regulación legal del derecho al uso del gallego hace que sus acusaciones de limitación de libertad lingüística no se sostengan, es parte del argumentario victimista del nacionalismo de cara al fortalecimiento y venta de sus posturas.
    ¿Qué pretenden que para que puedan vivir en gallego los demás tengamos que hablar la lengua que Ustedes quieren usar en exclusividad? No pretendan engañarnos, su bilingüismo es obligado, lo que realmente quieren es un monolingüismo obligatorio en gallego.
    La gente, excepto los alumnos, los ciudadanos ya somos libres para expresarnos en la lengua que queramos, no vengan Ustedes a salvar a la patria ni hablar de competencia cuando lo que realmente pretenden es imponer su uso.
    Es llamativo su miedo a la libertad, los padres no pueden esto, los padres no pueden aquello. Lo que subyace es una postura totalitaria que entiende que el alumnado es un elemento a moldear a gusto de su ideología, un sistema colectivista, se extrae a los niños de la tutela de sus padres para formarlos de acuerdo a las necesidades de su régimen totalitario. Los padres tienen mucho que decir en la formación de sus hijos, la libertad de enseñanza es un principio generalmente aceptado en muchos sitios incluso en algún libro de lingüística aplicada. Y la libertad ideológica también.
    El Estado claro que tiene un papel en el establecimiento del currículo educativo, de los niveles mínimos a superar para la obtención de unos títulos homogéneos en el territorio nacional (España). Pero es una regulación de mínimos no de máximos.
    ¿Sabe qué? La verdadera receta para salir de este embrollo es la libertad de enseñanza, el cheque escolar, aunque su miedo a la libertad le impedirá entenderlo. Consultar a los padres, horror, qué insulto. Cuando habla de privilegios a qué se refiere, ¿está Ud. en inferioridad de condiciones, alguien le discrimina por hablar gallego, ha sido Ud. perjudicado por usar el gallego? Vuelta al victimismo para sacar partido. Habla de libertad para unos pocos, no sabía que hubiera tanta gente sometida en Galicia por hablar gallego, ya nos contará los casos.
    Sus libertades sociales no están amenazadas por nadie, porque la libertad no amenaza, la libertad sólo libera..
    Reciba un saludo, José Mª Martín López-Suevos
    Mesa por la libertad Lingüística
    http://www.libertadlinguistica.com

  11. #11 Mari Lires
    o xan 7th, 2010 ás 12:38 pm

    Parabéns, Agustín. Todo o que dis, que para algunhas persoas está máis claro que a auga (sen contaminación), nin tan sequera ten a opción de explicarse nos medios de gran difusión como é debido. A suposta posición “centrista” do decreto (contestado polos sectores que nos manifestamos en Santiago repetidamente e, de maneira retórica, por Galicia “bífida” ) ten ademais unha implicación perversa de deterioro da imaxe do ensino público que axude ao seu desmantelamento (“o profesorado non está preparado para o trilingüismo”) .
    Non sei que pensar: o Presidente tómanos o pelo, tenta facernos parvas e parvos, segue coa manipulación que tan bos resultado electorais lle deu, ou as tres cousas.
    Benquerido amigo; non temos outra que seguir a loitar coa palabra e a mobilización contra aquelas posicións que tentan facer unha “guerra civil” diante de calquera posición de avance social progresista. Unha aperta

  12. #12 Mercedes
    o xan 7th, 2010 ás 8:19 pm

    Un texto elaborado e argumentado por parte do membro de ProLingua, profesor, pedagogo, impulsor da necesaria renovación pedagóxica na escola galega e escritor -Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, recoñecido polo Ministerio español- e un longo comentario dun representante da Mesa por la Libertad Lingüística. Dous modelos textuais estupendos para traballar nas nosas aulas co alumnado galego -independentemente da súa lingua inicial e/ou habitual de relación- a claridade e concisión na exposición das ideas, a súa argumentación ordenada e non reiterativa, a corrección estilística e léxica, o coñecemento de fondo sobre o tema do que se opina, o respecto polo interlocutor e a súa exposición… Fica ben claro o posicionamento do alumnado a favor do primeiro. Comentarios por escrito coma estes axudan a espir as verdades. O alumnado, o profesorado, a escola e o conxunto da sociedade agradecerao.

  13. #13 manuel
    o xan 7th, 2010 ás 11:52 pm

    Totalmente de acuerdo con el Sr J. Mª Martín.
    Hay mucha gente que vive del cuento con esto del gallego. ¿Por qué no quieren libertad de elección de lengua? Se quedarían bastante sólos porque del gallego no vivimos la mayoría de los gallegos que lo aprendimos en la cuna en tiempos de “paquiño”.

  14. #14 Pedro Cabarcos
    o xan 8th, 2010 ás 12:08 am

    Grazas Agustín por seres tan claro, conciso, intelixente e culto, coma tes demostrado ca túa obra. Doulle as grazas tamén a Mercedes que me evita contestar a aqueles que solo entenden o que queren ca súa receita “mono”. Como ensinante espero non defraudar a este país galego nen o seu carácter universal e solidario pese o reiterado intento de diminuilo con frases premeditadamente machaconas dende sectores nada claros na definición da verba “libre”. Os que aprendimos en outros nefastos momentos históricos o sentido do “mono” sabemos como se pode entintar a verdade. Agustín seguiremos o teu faro para seguir dando luz no Fisterra a tanto naúfrago.

  15. #15 S.
    o xan 8th, 2010 ás 6:53 pm

    Para o J. Mª Martín López-Suevos:

    Eu son falante monolingüe en galego, por decisión propia. Falo e escribo con corrección outros tres idiomas (non inclúo o portugués, que para min conta como galego), e podo manter unha conversa fluída noutros dous (é dicir, falo seis, sen contar o portugués, que sería outro máis para algúns pero que eu cóntoo como galego). Como lle digo, son falante monolingüe en galego por decisión propia (falo noutras linguas só con turistas, con amizades de fóra de Galiza ou por causa do traballo).

    Pregunta vostede: “¿está Ud. en inferioridad de condiciones, alguien le discrimina por hablar gallego, ha sido Ud. perjudicado por usar el gallego?

    Podo responderlle, sincera e contundentemente, que si. Sería moi longo contarllo todo, tantísimas e tantísimas veces, tantísimas e tantísimas situacións. Aínda é hoxe, que me considero unha persoa algo madura, que cando vou a certos lugares, certos ambientes, ou realizo certos trámites, antes de pasar pola porta tomo folgo, endereito o busto e doume ánimos para a situación á que me vou enfrontar, porque sei que con certo médico/a, con certo funcionario/a ou con aquel policía que xa coñezo, vai ser moi tenso manter eu a conversa en galego e a outra persoa en castelán, e ademais eu podo saír perdendo, que é o peor. Escoite, faga vostede o seguinte experimento: fale durante un mes enteiro sempre en galego; visite todas as sete capitais galegas, tente desenvolverse nelas en todas as clases de ambientes falando en galego, e vaia reparando nas expresións das persoas, nos prexuízos con que o van tratar (máis limitado economicamente, máis inculto, mesmo… en fin, non lle conto todo que é moito) e tamén repare no trato que vai recibir, e compáreo co trato que recibe nesas mesmas capitais se se move neses mesmos ambientes falando en castelán. E logo, vostede pensa que iso todo non coacciona? Pensa que aí existe verdadeira liberdade de escolla lingüística para alguén que non teña moita cultura ou moita consciencia lingüística?

    Pois non lle conto nada, xa, se tivese que traballar atendendo ao público nun comercio, por exemplo na Coruña, e quixese falar todo o tempo en galego. Se quixese falar todo o tempo en castelán, non ía ter problema ningún. Se quixese falar todo o tempo en galego, algúns clientes queixaríanse aos donos e na maioría dos comercios botaríano do traballo (iso asegúrolle que falando só español non lle había de pasar nunca).

  16. #16 Lecturas sobre o “Decreto do plurilingüismo”
    o xan 13th, 2010 ás 5:34 am

    [...] Unha ameaza á liberdade. Por Agustín Fernández Paz [Blog de Prolingua, 31/12/2009] [...]

  17. #17 Galizauberalles » O decretazo
    o xan 14th, 2010 ás 1:44 pm
  18. #18 Trastoy
    o xan 21st, 2010 ás 12:00 pm

    Só un dato para J.Mª Martín.
    Seguramente vostede nunca se atopou discriminado por usar o español, pero intente facer trámites sinxelos en galego.
    Sabe cantos notarios, en Galiza, escriben un testamento en galego, sen ter que pagar a maiores unha tradución?
    Coñece alguén a quen lle dixeran no seu traballo que non pode falar en español? Eu sí coñezo casos de xente á que en entrevistas de traballo lle responderon ante a súa primeira intervención: “aquí no se habla en gallego”. Igual pensa que estaba en Madrid, pero era Santiago.
    E tamén podemos atopar a xente rebaixada de nivel por usar galego. Tristemente, hai empresas en Galicia que se usas o galego te relega aos almacéns, porque non queda ben falalo diante da clientela.
    Igual vostede non o sabe, porque se move noutros “ambientes”. Pero os que falamos galego sí temos problemas.
    Cando morreu meu pai, tiven que avisar para que se fixesen en galego as súas esquelas. E cando encarguei a súa lápida, tiven que ser eu quen a escribise, porque na marmolería, unha galega, non sabía escribir o texto en galego.
    Son situacións moi cotiáns que non lle pasan a un castelánfalante. E son situación moi incómodas. Asegúrollo.
    Isto son só exemplos.
    Son profesora. E nunca darei a miña clase en español. Son moitos os profesores que non fixeron caso do decreto que lles dicía que debían dar a clase en galego. Eu farei o propio se ma mandan dar en castelán.
    Un saúdo a todos os que defendemos a nosa língua.

Deixa un comentario