18-02-2012

Laudatio a D. Xosé Leonardo Lemos Montanet, bispo de Ourense

por Héitor Picallo

¡Ai daquel home e daquel pobo que se esquezan das súas raíces históricas, porque sentirán pouco medo ante o futuro e a súa mediocre instalación no presente será estéril!

Este mes de febreiro tomou posesión da cadeira episcopal da diocese de Ourense o profesor Xosé Leonardo Lemos Montanet (Barallobre-Fene, 1953). Alén do seu labor intelectual, pastoral e docente, Lemos sempre asombra polo seu apego social, pola súa naturalidade e sinxeleza no trato, non só cos seus fregueses e alumnos, senón tamén con toda a sociedade, incluso con aqueles que discrepan de certos aspectos transcendentais ou de credo. Relembramos o seu labor no Instituto Teolóxico Compostelán, e particularmente o empeño co que traballou entre libros e papeis varios (documentos históricos e cartas de distintas personalidades) na Biblioteca de Estudos Teolóxicos: alí, entre obras de López Ferreiro, aquel crego galeguista, cóengo da S.A.M.I. e autor de obras tan senlleiras e simbólicas dentro da literatura galega como A Tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O Niño de Pombas; alí, entre escritos do Cardeal Quiroga Palacios, aquel que quixo tamén realizar en tempos difíciles e de borralla cerimonias relixiosas e eucaristías en idioma galego; entre obras vetustas e edicións antigas da Historia Compostelá (a de 1765 do Padre Henrique Flórez); entre ensaios metafísicos, obras mariolóxicas; enleado nas biografías do devandito cardeal Quiroga e do cóengo e filósofo D. Ánxel Amor Ruibal.

Este non é lugar para dar conta do seu currículo de honores, que moitos son, nin do seu labor relixioso, pero si cómpre subliñar nel o espírito humanista e de aprendizaxe continua que o ten destacado ao longo da súa vida: Licenciado en Estudos Eclesiásticos (Universidad de Salamanca, 1978), Licenciado en Filosofía Teorética (Universidade Gregoriana de Roma, 1984), Diplomado en Arqueoloxía (Pontificio Instituto de Arqueoloxía de Roma, 1984), Diplomado en Arquivística e Biblioteconomía (Escola Vaticana, 1985), Doutor en Filosofía (Universidade Pontificia de San Tomé de Roma, 1987) e membro da Società Internazionale Tommaso d’Aquino (Roma).

E estas liñas que aquí me levan é para felicitalo por ter escollido o idioma galego para a súa primeira intervención pública logo de ser preconizado pontífice da Sé ourensá. Observamos nel unha gran sensibilidade polas orixes das que procede, pola súa raíz galega e respecto polo idioma propio da súa Terra, observamos nel –oxalá– un continuo emprego da lingua de noso dentro de ámbitos pastorais, eucarísticos e sociais,… Porque moitas comunidades cristiás galegas precisan escoitar as prédicas e oracións no idioma no que eles naceron, ou no idioma no que eles tamén cren, e senten, e viven, e comprenden o mundo e incluso a transcendencia espiritual. Desexámoslle un pontificado ateigado de humanidade e bo facer, e evidentemente, con continuos aloumiños e impulsos cara a lingua dos seus pais, dos nosos maiores, dos nosos fillos e netos, lingua enteiramente nosa e comunitariamente de todos.

Que as actitudes vitais e culturais do Padre Sarmiento, do Padre Feixoo, de López Ferreiro, de Lago González e doutros relixiosos máis guíen os seus pasos, porque evanxelizar tamén se pode facer en lingua galega.

“(…) é necesario pensar, no ben da nosa lingua, e todas as entidades de fillos de Galicia, amantes da súa terra, prestaríanlle un sinalado servizo secundando coas súas iniciativas e material cooperación unha obra que lles honraría (…)”.
(Anxo Amor Ruibal, ‘La lengua gallega y su léxico etimológico’, in Faro de Vigo 1-I-1927; extraído de J. L. Lemos Montanet, “Obra Viva” de Ángel Amor Ruibal, Compostela 2004)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Procurar

Nube de etiquetas Etiquetas

O ideario da plataforma ProLingua vén definido exclusivamente polo seu manifesto. Os artigos e textos que aparecen neste blog publícanse atendendo ao seu interese no debate sobre a lingua, independentemente de que coincidan en todo ou en parte co devandito ideario.