Anotacións en ‘Informes e documentos’

Borrador do proxecto de “Decreto do plurilingüismo”

"En todas as áreas, materias ou módulos, agás nas sinaladas no parágrafo anterior e nas materias de lingua(s) estranxeira(s), o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Non obstante o anterior, procurarase que o alumnado utilice a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo".

"Os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia. A Administración educativa promoverá a elaboración de materiais lingüísticos e terminolóxicos na outra lingua oficial de Galicia e en lingua(s) estranxeira(s)".

"Os servizos de inspección educativa velarán para que en todos os centros educativos se cumpran as disposicións previstas neste decreto e proporanlles, se é o caso, ás xefaturas territoriais de educación a adopción das medidas correctoras que sexan necesarias no caso de incumprimento, sen prexuízo das responsabilidades ás que houbese lugar".

"Con periodicidade anual, despois de finalizar o curso escolar, a consellería competente en materia de educación avaliará os resultados derivados da aplicación deste decreto e desenvolverá cantas disposicións fosen precisas para o mellor cumprimento e adaptación dos seus obxectivos co fin de que poida achegarse gradualmente ao marco dun ensino plurilingüe e á plena aplicación da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias".

Descargar o BORRADOR DO PROXECTO DE DECRETO PARA O
PLURILINGÜISMO NO ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA: PDF, 119 KB.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A Plataforma per la Llengua denuncia que hai 500 leis que impoñen o uso da lingua castelá

A Plataforma per la Llengua presentou hai uns días tres informes que comparan o recoñecemento legal do catalán en España coa situación vivida por outras linguas co mesmo número de falantes no contexto europeo e noutros países multilingües. O informe destaca o tratamento legal desproporcionado que aplica o Goberno cara ao español, con polo menos 500 leis que impoñen a lingua castelá no estado. [Ler artigo completo]

Descargar o documento 500 lleis que imposen el castellà (PDF, 854 KB)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia

Dada a importancia do debate aberto en canto á modificación do marco normativo-regulamentario de uso das linguas oficiais no ensino consideramos da maior pertinencia unha reflexión xurídica demorada que complemente outras reflexións que se poidan realizar desde outras perspectivas (socio-lingüísticas, pedagóxicas, políticas...) das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia que veñen de ser feitas públicas polo goberno da Xunta de Galicia.

A análise xurídica das Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia mostra un preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario que rexe o uso das linguas oficiais e transgrede o cadro legal do que consensuadamente nos temos dotado os galegos e galegas para poñer en práctica o mandato da Constitución de protección das linguas como un patrimonio cultural precisado dun especial respecto (art.3) e do Estatuto de Autonomía de potenciación do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa e de disposición de todos os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (art.5).

O desenvolvemento da Constitución e do Estatuto de Autonomía ten como norma cabeceira á Lei de Normalización Lingüística de Galicia aprobada por unanimidade do Parlamento de Galicia en 1983. Igualmente por unanimidade o Parlamento de Galicia aprobou en 2004 o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega elaborado polo goberno galego que, como plan gubernamental con aval parlamentario, constitúe un documento básico que debe iluminar as normas que se aproben, actuando as súas previsións como principios interpretativos do ordenamento lingüístico. A ratificación polo Reino de España en 2001 da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias supón unha actualización con rango de lei dos compromisos de protección das linguas propias que debe ter reflexo no ámbito da educación.

Ler documento completo en PDF (139 KB)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Informe da Real Academia Galega sobre o borrador de decreto

"É certo que o actual goberno levou no seu programa electoral a derrogación do Decreto 124/2007 pero nestas Bases non só non se xustifica suficientemente a necesidade xurídica nin pedagóxica de tal derrogación senón que os puntos fortes do proxecto de Decreto parecen de legalidade dubidosa; outros artigos introducirían nos Centros malestar, sufrimento ou desorde e iso é o contrario do que debe perseguir calquera ordenamento xurídico; outros son tan dificilmente aplicables que previsiblemente impedirían iniciar a implantación deste Decreto en setembro de 2010; e o 33% de linguas estranxeiras precisará quizais varias lexislaturas. O camiño debe ser outro. A Real Academia Galega xa pediu no 2002 unha actualización da Lei de Normalización Lingüística para axeitala ás realidades novas nas que hoxe vive a lingua e para incorporarlle a doutrina do Tribunal Constitucional posterior a 1983 e mailos compromisos asinados por España na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias 11. Estas Bases póñenlle ao galego un límite no 33%: iso non é o centro de gravidade nin corrixe a histórica desigualdade co castelán de que fala a Tribunal Constitucional. Polo tanto non procede darlles o Prace desta Academia..."

A Real Academia Galega acaba de facer público o seu informe sobre o borrador de decreto de educación. Achegámosvos este documento de extraordinario valor que merece unha lectura atenta: PDF, 104 KB.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Unha primeira análise do borrador do decreto (CGENDL)

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística deu a coñecer hai uns días unha breve análise do borrador do decreto. Compartimos convosco os primeiros parágrafos e convidámosvos a ler o texto completo (PDF, 27 KB):

O borrador do Decreto do Plurilingüismo para o ensino non universitario non garante que o alumnado acade a competencia lingüística en lingua galega, tal e como fixa a lexislación educativa, acentuando o desequilibrio social existente entre as dúas linguas oficiais.

A proposta traslada aos centros escolares e ás familias un conflito creado por intereses políticos ao presentar un modelo que non se fundamenta en criterios estritamente pedagóxicos e demostra o descoñecemento da realidade dos centros.

A introdución dun idioma estranxeiro como lingua vehicular do ensino establécese sobre bases erradas e distorsiona unha planificación lingüística rigorosa e eficiente que redunde na formación do noso alumnado.
Desde a Coordinadora Galega de ENDL pensamos que a proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún “bilingüismo cordial” senón un conflito nos centros escolares e na sociedade.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Bases para a elaboración do decreto…: con estes vimbios pensan facer o cesto

Este documento en pdf contén as Bases para elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que hoxe fixo públicas a Xunta de Galicia. Agora comeza unha nova etapa nas nosas accións en defensa da lingua propia de Galicia. A partir de mañá, dia 31 de decembro, irán aparecendo aqui comentarios e artigos de análise destas “bases”.

Desde ProLingua promoveremos accións propias en defensa da lingua e compartiremos as propostas polas outras plataformas que vaian dirixidas a impedir o glotocidio que se quere perpretar.

Bases para elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia: PDF, 101 KB

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O “Informe Maalouf”: como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa

Acabamos de subir á sección de documentos o interesante Informe Maalouf (PDF, 163KB), cuxo título completo é Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa e que compila as propostas do Grupo de intelectuais en favor do diálogo intercultural creado por iniciativa da Comisión Europea o pasado ano. O Grupo estivo presidido polo escritor Amin Maalouf e contou coas seguintes persoas: Jutta Limbach, presidenta do Goethe Institut; Sandra Pralong, experta en comunicación; Simonetta Agnello Hornby, escritora; David Green, presidente da EUNIC (Rede de institutos nacionais de cultura da Unión Europea), antigo Director Xeral do British Council; Eduardo Lourenço, filósofo; Jacques de Decker, escritor, secretario perpetuo da Real Academia de Lingua e Literatura francesas de Bélxica; Jan Sokol, filósofo, antigo Ministro de Educación da República Checa; Jens Christian Grøndahl, escritor, e Tahar Ben Jelloun, escritor.

O Grupo reuniuse en Bruxelas en tres ocasións, en xuño, outubro e decembro de 2007. O informe final foi redactado por Amin Maalouf inspirado nas ideas de todos os membros do Grupo e reflicte o contido dos seus debates.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google