Anotacións en ‘ProLingua nos medios’

Presentación das “55 mentiras…” en Vilalba

Crónica da presentación en A Voz de Vilalba

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Presentación das “55 mentiras…” en Lalín

A noticia en Faro de Vigo: Alento para unha lingua de todos

Entrevista a Rafa Cuíña en Faro de Vigo: "Hai seudoelites que, disfrazadas de bilingüistas, queren marxinar a lingua"

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Don de linguas, artigo de Henrique Alvarellos

É sabido que en Galicia hai un colectivo que domina máis dunha lingua, esa é a masa (ás veces tan “silandeira”) de galegofalantes. Non existe galegofalante que non saiba, polo menos, outra lingua, e os máis capaces aínda lle dan a unha terceira ou cuarta. O único colectivo “mono” en termos lingüísticos é o castelán-militante. Precisamente é ese colectivo o que sempre se anda a proclamar bilingüe. Oh, paradoxo!.

Algúns dos bilingües e/ou multilingües de verdade, non de mentira, reuníronse o sábado pasado no salón de actos da Facultade de Filoloxía, en Santiago de Compostela, para constituír a plataforma Prolingua. Alí estabamos algo máis de 300 persoas. Prolingua nosa e, tras ela, “pro” todas as linguas. Porque, insisto, non hai bilingüe ou multilingüe real que non sexa, en Galicia, galegofalante. E un pregúntase: É que somos nós os únicos con don de linguas? Que lles pasa aos que rexeitan unha ou máis linguas? Son incapaces? Os monolingües castelán-militantes din que os seus fillos non entenden Matemáticas en galego. Que cousa máis rara! Son nenos menos espabilados?. Pensamos que non. Son seus pais os limitados?

Prolingua conta xa con máis de mil inscritos. Mil asinantes que van do propio ao universal sen rexeitar nada. Que queren “ser” no mundo desde Galicia e en galego. E aos que lles doen moito –como a calquera persoa de ben– as mentiras. O escritor Xabier Docampo, principal impulsor e animador de Prolingua, dixo na presentación da plataforma que “nós non contamos mentiras”. Algo tan sinxelo coma isto para defender o dereito a vivir en galego: dicir a verdade. Que a gusto se vai pola vida cando un non constrúe falsedades. E que “bipolar”, que raro, se debe de sentir un deses falsos bilingües, que perdido e limitado ao se mirar no espello a soas sen máscaras.

Tamén había xente do PPdeG o sábado. en Filoloxía. Rafael Cuíña (si, fillo do falecido Xosé Cuíña), cualificou de “obscena” a actitude esa dos monolingües que andan todo o día a falar de bilingüismos. Porque a defensa da lingua non sabe (non pode saber) de partidos mais si de políticas. De políticas honestas coa nosa historia e co noso futuro.

Artigo publicado en Xornal de Galicia o 5 de outubro de 2009

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua, artigo de Miguel Anxo Fernán Vello

Naceu á luz pública, como vostedes saben, unha nova plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega, ProLingua, unha organización apartidaria e plural que ve na Lingua Galega o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego e o que nos dá un lugar propio no mundo. ProLingua nace —a día de hoxe son xa máis de 1.000 persoas as inscritas— manifestando que dado que a lingua galega é patrimonio de todos “rexeitamos calquera pretensión de apropiarse dela ou de atribuírlla a calquera grupo ou ideoloxía particulares”; e velaquí, ben explicitada, unha visión aberta e sen trabas que debe ser admitida e recoñecida, e proxectada, por todos nós, por todo o país. Como resulta obvio, ProLingua nace porque existe, dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, unha agresividade política inmediata e descoñecida contra o idioma galego, algo que está a causar asombro e máxima preocupación nunha ampla maioría de segmentos conscientes da sociedade galega, que ven como o “idioma propio de Galicia” é desprezado e reprimido abertamente no plano político, condenándoo así —actitude propia de “neofranquistas”— a un proceso de ocultación e desaparición nos ámbitos administrativos e educativos oficiais. Lembrarán vostedes que o presidente da Real Academia Galega chegou a “amoestar” no seu día ao presidente da Xunta por sementar a crispación social en materia lingüística e por introducir medidas desprotectoras do idioma galego. E eu xa teño realizado —desculpen—, en relación con todo isto, a seguinte pregunta: ¿Coñecen vostedes algún presidente ou Goberno dalgún país do mundo que chegue a “atentar” contra o idioma propio do país que goberna? A resposta produce asombro. E de todo este abraio sentido por tantas persoas, como unha corrente ou vaga a medrar, e pola indignación moral e política que produce nos individuos libres e amantes da cultura a actuación do presidente de Galicia e do seu Goberno, nace ProLingua. E nace, como di Xabier P. DoCampo, porque “nós non mentimos”, e porque non lle imos permitir ao Goberno da Xunta, utilizándomos sempre a forza da verdade e da razón, que leve a cabo accións contra o máis prezado patrimonio inmaterial do pobo galego: o seu idioma propio, lingua europea milenaria, pai e nai do portugués, vehículo dunha excepcional literatura medieval e contemporánea, “a fala dos avós que temos mortos”, como deixou dito Celso Emilio Ferreiro, e unha lingua que “outros” quixeron borrar do mapa e que tantas xeracións e xeracións de dor ten producido na historia por perseguida, por ridiculizada e por negada. Mais hoxe non. Porque a barbarie hoxe non ten futuro.

Artigo publicado o luns 5 de outubro en Xornal de Galicia

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Fartos de ceder e ceder, artigo de Carlos Callón

Hai anos, desde diferentes entidades, divulgouse un decálogo de defensa do galego baseado nun texto elaborado polo profesor Tilbert D. Stegmann, da Universidade de Frankfurt. En 2008; A Mesa pola Normalización Lingüística volveuno pór en circulación como proposta para difundir sobre todo nos centros de ensino. Hoxe continúa a ser plenamente útil e funcional.

Velaquí as súas propostas, que convido a asumir e practicar:

1. Fala en galego sempre que poidas. Coa familia, cos amigos e amigas etc. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende aínda que até o de agora lles falases en castelán.

2. Respecta a aquelas persoas que che falen noutra lingua, mais exixe que tamén as outras persoas respecten a túa.

3. Diríxete en galego a todos e todas: na rúa, por teléfono, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Continúalles a falar en galego, aínda que che respondan noutro idioma.

4. Ás persoas que coñezas que entenden o galego coloquial, mais mostran curiosidade por algún termo que ignoran, explícalles o significado desas palabras, axudándoas a ampliar o vocabulario. Se alguén se esforza en falar o noso idioma, axúdalle e demóstralle que valoras o seu comportamento.

5. Respecta as diferenzas locais da lingua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como a de todas as linguas.

6. Toma a decisión de escribir todos os apuntamentos, notas, correos electrónicos e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o teu nome en galego. Fai mudar os teus papeis, impresos, rótulos etc. Sería ben triste que por aforrar uns pequenísimos gastos deixásemos de contribuír á expansión do noso idioma.

7. Faite subscritor/a de publicacións escritas total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos teatrais, musicais, cinematográficos, visita páxinas web etc, na nosa lingua.

8. Exixe de todos, mesmo das institucións máis rutineiras, que che escriban en galego. Faino amabelmente. Non perdas o tempo e os nervios en pelexas cos inimigos declarados da lingua do país. Déixaos de lado, ignóraos.

9. Se tes como lingua familiar o castelán, interésate pola nosa lingua. Loita contra a inxustiza fomentada durante tantos anos. Toda a represión dunha lingua é un acto de barbarie. E sobre todo tenta falala e escribila, porque a mellor defensa de calquera lingua é o seu uso.

10. Se sentes un bloqueo psicolóxico, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches castelán, comeza por usalo cos descoñecidos, a practicalo en situacións novas, para ilo introducindo despois na túa esfera habitual. Non te avergoñes dos defectos de pronuncia ou escrita; respectar o galego mais a distancia, "sen rompelo nin lixalo", iso si que deteriora o idioma.

Todos estes consellos, que non mandamentos, podemos sintetizalos en dous. En primeiro lugar, darmos o paso de falar en galego sempre, con normalidade. Cambiar de lingua ­porque presupomos que non nos van entender ou porque é cortesía cun descoñecido é un puro prexuízo.

En segundo lugar, aínda que non menos importante, cómprenos dar o paso de solicitar atención e información neste idioma, como un dereito que debería darse por sentado. Non é só por defender a lingua, senón tamén porque é un dereito básico, un requisito para a convivencia en igualdade, sen cidadáns e cidadás de segunda por razón de lingua.

Non temos que achicarnos nin pedir perdón por querer vivir no noso propio idioma no seu territorio histórico, xenuíno, orixinal, natural e propio. Abondou xa de ceder e ceder.

[Ler artigo completo en Galicia Hoxe]

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua Galega, artigo de Xosé María Palmeiro

Máis de mil compromisos persoais para impulsar ProLingua, Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega. A iniciativa, apartidaria e plural, deuse a coñecer o sábado en Compostela coa intención de dinamizar e sumar esforzos no cultivo dese inmenso tesouro, prezado patrimonio inmaterial do pobo galego, que supón dispoñer dunha lingua propia, insubstituible imaxe identitaria, cultural e de futuro, posibilidade de comunicación, fonte de coñecemento e diálogo que amplía os horizontes de liberdade persoal e colectiva. Son un deses mil asinantes do manifesto fundacional dunha plataforma que vén reforzar a vitalidade cívica dunha sociedade que asiste á implementación de medidas gobernamentais desgaleguizadoras cinicamente envoltas en proclamas de amor á lingua galega e na defensa da liberdade-hogano fronte á imposición-antano. Ata ese punto chegamos na deturpación do que nos é propio e nos sitúa no mundo sen renunciar a outras posiblidades e recursos lingüísticos, empezando naturalmente polo español. Ata o punto de vérmonos obrigados a poñer en marcha mecanismos de acción social na defensa do que resulta evidente para quen contemple esta nosa realidade sen prexuízos, complexos ou destemida ignorancia.

CUMPRIMENTOS.- Trátase de cumpir coa lei, coa lingua e co país. Di o manifesto: "ProLingua é unha plataforma creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión que ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación". O dos media, engado, merece tratamento á parte porque, con poucas excepcións, mantivéronse e mantéñense de costas ao idioma e porque boa parte dos contidos en galego débense aos compromisos firmes dalgúns xornalistas e non á decidida vontade dos editores, expertos en rechazos e pretextos de mal pagador.

NORMALIZACIÓN.- Así as cousas, en ProLingua consideramos irrenunciables "a totalidade dos contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, que contaron coa aprobación por unanimidade do Parlamento de Galicia". Porque "estamos nun Estado de dereito e como cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de xeito pleno a lexislación existente en materia lingüística". Por eso mesmo ProLingua esixe "que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade galega".

LIBERDADE.- Isto é o que hai e vaia por diante que as citas literais incorporadas aspiran a contrarrestar, sequera un anaco, o silencio clamoroso que nos máis dos media acollerá a chegada de ProLingua. É unha vella historia, pero non importa. Non sairá o sol polos impulsos dinamizadores da sociedade galega, pero pouco poderá facerse deixando a un lado esa vontade, felizmente maioritaria, de defender a lingua propia para fortalecer a liberdade. E non só a lingüística.

Artigo publicado o luns 5 de outubro en Galicia Hoxe

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A asemblea de ProLingua na prensa galega

El Correo Gallego: Nace outra plataforma a prol do galego

El País: Nogueira, Beiras y Rafael Cuiña, juntos en un colectivo por el gallego

El Progreso: Máis de 250 persoas respaldan en Santiago a asemblea constituínte da Plataforma Prolingua

Galicia Hoxe: Nace outra plataforma a prol do galego

La Voz de Galicia: A Plataforma Prolingua promove a Lei e o Plan de Normalización

Vieiros: Botadura oficial de ProLingua: dorna plural para que non afunda a ilusión

Xornal de Galicia: Prolingua nace “para defender o galego como se fose a propia vida”

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

ProLingua, artigo de Craig Patterson

Levo xa varios meses observando a concepción, nacemento e primeiros pasos do que promete ser a primeira plataforma moderna a prol da lingua galega que non participa de ningunha afiliación política. Como se di na súa xeitosa web, a plataforma foi creada por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión. A diferenza doutros colectivos desta índole, pódense ver publicamente na web os nomes dos seus socios. A primeira acción visíbel de ProLingua terá lugar este sábado, o 3 de outubro, ás 11.30 no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía en Santiago de Compostela, unha xuntanza que espertará a curiosidade e interese de moitos sectores da sociedade galega.

O obxectivo de ProLingua é a promoción do galego como lingua propia de Galicia e a consecución da súa oficialidade real. Concretamente, a plataforma considera irrenunciables todos os contidos da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. É máis, esixe que non se leve a cabo ningunha medida lexislativa que supoña a perda de dereitos por parte das galegas e dos galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e a facer dela o seu sinal de identidade. Por tanto, fai fincapé na visibilizacion da lingua galega, na súa defensa e na súa promoción e uso. Asemade, os socios de ProLingua comprométense co único requirimento de promover o galego tanto fóra do fogar coma dentro, e concordan con estar presentes como membros de ningunha outra organización. Tampouco conta o grupo con máis medios económicos que os achegados polos seus propios membros individuais, nin admite subvencións de institucións públicas nin privadas. Conxunta, dende logo, a independencia de pensamento co compromiso apartidario coa lingua galega.

Sen dúbida ningunha, esta plataforma apartidaria e plural nunca nacería sen a agresividade que a política de Feijóo exerce contra o patrimonio lingüístico galego. E na sociedade galega facía gran falla unha organización popular deste xorne que puidese encher o baleiro que os principais partidos foron incapaces de resolver. ProLingua, por e para a lingua galega, promete ser outra máis das primeiras leccións que leven os que gobernan hoxe en Galiza: que ese idioma túzaro e tenaz non se rende de maneira cómplice.

Artigo publicado o 1 de outubro no xornal Galicia Hoxe

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google