Anotacións etiquetadas ‘Decreto’

Xoves 21 de xaneiro, paro xeral no ensino

cartz folga

Mañá, paro xeral no ensino en Galicia convocado polos principais sindicatos de profesores. Descargar o cartaz en alta resolución picando aquí.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Informe da Real Academia Galega sobre o borrador de decreto

"É certo que o actual goberno levou no seu programa electoral a derrogación do Decreto 124/2007 pero nestas Bases non só non se xustifica suficientemente a necesidade xurídica nin pedagóxica de tal derrogación senón que os puntos fortes do proxecto de Decreto parecen de legalidade dubidosa; outros artigos introducirían nos Centros malestar, sufrimento ou desorde e iso é o contrario do que debe perseguir calquera ordenamento xurídico; outros son tan dificilmente aplicables que previsiblemente impedirían iniciar a implantación deste Decreto en setembro de 2010; e o 33% de linguas estranxeiras precisará quizais varias lexislaturas. O camiño debe ser outro. A Real Academia Galega xa pediu no 2002 unha actualización da Lei de Normalización Lingüística para axeitala ás realidades novas nas que hoxe vive a lingua e para incorporarlle a doutrina do Tribunal Constitucional posterior a 1983 e mailos compromisos asinados por España na Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias 11. Estas Bases póñenlle ao galego un límite no 33%: iso non é o centro de gravidade nin corrixe a histórica desigualdade co castelán de que fala a Tribunal Constitucional. Polo tanto non procede darlles o Prace desta Academia..."

A Real Academia Galega acaba de facer público o seu informe sobre o borrador de decreto de educación. Achegámosvos este documento de extraordinario valor que merece unha lectura atenta: PDF, 104 KB.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Notas sobre o argumentario do Partido Popular (e III)

2) O Goberno de Feijóo non é o Goberno da imposición senón o da liberdade e, como tal, non pode permitir que a situación lingüística no ensino en Galicia sexa a de que se obrigue ao uso dunha lingua en detrimento doutra.

Entre o débil e o forte, a liberdade oprime e a lei libera. O «malo» do decreto 247/2007 foi que o bipartito quixo facer que se cumprise, porque ata daquela ningún decreto sobre o ensino se cumpría nunha boa parte dos colexios concertados e privados. Cando se quixo facer cumprir o lexislado, foi cando se falou de imposición.

Toda norma, toda lei, todo decreto é unha imposición: as normas de tráfico, as leis urbanísticas, as ordenanzas municipais. Se non houbese normas e obrigatoriedade de cumprilas, non podería haber civilización. O PP pretende volver ao estado salvaxe de facer o que a un lle dea a gana, co que se garante unicamente a liberdade para que o forte esmague o débil.

Que lingua se usou maioritariamente na escola durante a vixencia do bipartito se a maioría dos centros privados e algúns públicos daban galego en castelán, coñecemento do medio en castelán, matemáticas en castelán etc., incumprindo a normativa legal?

Acaso houbo nenos castelanfalantes que volvesen da escola á casa falando galego? En troques, hai miles de casos de nenos galegofalantes que volven da escola totalmente castelanizados. Cal é logo a lingua subordinada na escola?

O Decreto 2007, desenvolvendo as directrices do Plan Xeral do 2004, pretendía poñer os medios para que o alumnado acadase a plena competencia bilingüe, tamén os que no medio familiar só teñen castelán, porque os nenos que falan galego na casa son, de sempre, os únicos bilingües.

Se molestaba moito este Decreto é porque moitos fillos de señoritos e moitos fillos de acomplexados ían ter roce do(?) galego, algo que por prexuízo non podían consentir os pais.

3) Galicia posúe unha riqueza lingüística que non a teñen outras Comunidades: Galicia fala en dúas linguas importantísimas. Unha, o galego, a súa particular lingua que a achega, por semellanza, a todos aqueles países de fala portuguesa, e outra, o castelán, a segunda lingua máis falada do mundo. Por iso, pretender ignorar unha cando se poden empregar as dúas é ilóxico.

A única lingua que se pretende ignorar e seguir subordinando é o galego. Con este decreto transmíteselle a idea á sociedade de que o galego é unha lingua de segunda, totalmente prescindible para vivir en Galicia.

Por que un inmigrante senegalés ou chinés ou romanés vai estar exento durante tres anos de lingua galega e non vai estar exento de lingua española? (e máxime cando neses tres anos vai ter algunha(s) materia(s) en galego do que non poderá estar exento). Esta é a dobre moral, a dobre consideración (útil/inútil) que pretende facer o PP madrileño no noso país.

Non esquezamos que estas directrices que pretende implantar o PP en Galicia, impoñéndonos un decreto coma este, responde ás instrucións que lle veñen dadas desde Madrid, concretamente desde a fundación FAES presidida por José María Aznar.

4) Os populares pídenlle aos nacionalistas galegos que deixen de empregar a lingua como ferramenta política e aos socialistas, que recuperen a senda da cordura e se desliguen das posturas máis extremistas do nacionalismo. Lémbranlles que o pacto co Bloque se rompeu o pasado 1-M, por decisión da sociedade galega, e polo tanto, secundar ao BNG e ser cómplice seu xa non é unha peaxe que o PSOE galego teña que pagar.

O consenso lingüístico logrouse co PXNL, cando era presidente Fraga e vicepresidente Feijóo. O consenso rachouse na campaña electoral de febreiro de 2009, cando o PP empregou a lingua como arma electoral para captar 20.000 votos que se lle ían marchar a UPyD.

Acaso é cordura e sensatez inocular o veleno da loita política nas escolas? Sabe o PP cantos problemas e conflitos vai causar nas ANPAs, nos Consellos Escolares, nos Claustros de profesores etc., con este borrador de decreto?

Déixese o PP de falsas chamadas ao pacto e ao consenso e goberne, non delegue en quen non ten competencias nin capacitación. Goberne e decida que é o que quere facer coas linguas no ensino público en Galicia, diga cales materias de cales niveis van en A ou en B. Ou é que os concellos consultan cos propietarios dos terreos para modificar anualmente os plans xerais? Ou é que a DXT consulta anualmente cos propietarios dos vehículos para facer as normas de circulación? Ou é que os médicos lles piden opinión aos familiares dos pacientes sobre o tipo e a dose da medicación administrada?

En canto a esas chamadas ao PSOE, a quen se quere enganar? Hai unha boa parte da sociedade galega que quere un futuro para a súa lingua e que non vai permanecer indiferente ante o que este goberno pretende. E aí han confluír xentes con adscrición partidaria ou sen ela; persoas unidas todas polo común amor á lingua, decididas a non deixar que os negacionistas decidan coa súa política extremista.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Notas sobre o argumentario do Partido Popular (II)

Rematada esta introdución, analicemos agora, un por un, os catro parágrafos deste pobre argumentario que nos ofrece a actual dirección do PP.

1) O borrador do novo decreto do galego constitúe unha aposta de futuro para Galicia xa que promove o trilingüismo, o equilibro entre as linguas, integra aos pais no sistema educativo e incrementa a liberdade lingüística dos alumnos, poñéndolle fin, con todo isto, á imposición lingüística que, durante a época do bipartito, rachou co consenso.

a) alguén cre que abre as portas ao trilingüismo?

O trilingüismo nada ten que ver co borrador do decreto, por máis que os seus defensores aparenten ser abandeirados do trilingüismo. Potenciar unha lingua estranxeira, sexa esta a que for ―inglés, francés ou ruso―, non pasa por equiparala coa lingua propia. Isto non se sostén de ningunha das maneiras; sen dúbida tampouco desde unha perspectiva legal. E menos se, polo camiño, se lle quitan apoios á lingua que máis os necesita socialmente.

b) alguén cre que promove o equilibrio entre as linguas?

Non se promove o trilingüismo situando ao mesmo nivel unha lingua oficial desprestixiada, unha lingua oficial presitixiada e unha lingua non oficial megaprestixiada. Se as situacións de partida son distintas, a metodoloxía debe ser distinta para chegarmos a un mesmo obxectivo: a capacitación en cada unha das linguas.

Ademais, o camiño posposto polo Borrador non garante esa competencia en inglés ao final do ensino obrigatorio que se di pretender. A proba é que en ningún lugar de Europa se fai tal disparate. Para poder facelo así terían que traer profesorado nativo de lugares nos que a lingua inglesa fose a oficial e que fosen competentes en matemáticas, ciencias naturais, físicas, sociais, en educación física, en música… En toda Europa, o sistema para que os rapaces aprendan inglés na etapa escolar consiste en incrementar a carga horaria de inglés, reducindo a ratio por aula e incorporando lectores de inglés nativos que interactúen oralmente nas distintas aulas e materias.

O outro, o que din as bases, é imposible; e cando se demostre, de aquí a poucos anos, o mal xa estará feito.

c) alguén cre nesa posibilidade de os pais escolleren?

O Tribunal Supremo, hai agora dous meses, en novembro de 2009, emitiu unha sentenza rexeitando que os pais poidan escoller a lingua do ensino, sinalando expresamente que «a liberdade de elección conduciría a resultados absurdos, xa que todos poderían reivindicar unha instrución impartida en calquera lingua».

Os obxectivos da educación, nunha democracia, non é algo que poidan decidir os pais directamente, porque afecta a toda a cidadanía. Por esta razón, a estrutura do sistema educativo, o horario escolar, as materias que se imparten e os seus respectivos currículos, a capacitación do profesorado, os sistemas de avaliación... son aspectos todos eles que deciden e regulan os gobernos democráticos, precisamente porque afectan a toda a cidadanía.

O mesmo debería suceder co uso das linguas no sistema educativo. A que se debe esta evidente desleixo de funcións por parte da Xunta, malia a claridade coa que xa falou o Tribunal Constitucional? A apelación á liberdade de escolla das familias é unha evidente terxiversación do termo «liberdade», máis grave aínda se temos en conta que se lles pide opinión sobre unha lingua sometida a arraigados prexuízos sociais, que esixiría políticas activas para favorecer o equilibrio coa lingua máis asentada socialmente.

d) alguén cre que garante a liberdade lingüística dos alumnos?

Poucas veces vimos un uso tan retorto da palabra «liberdade». A educación é, por principio, unha imposición que a sociedade programa para que os nenos e nenas, unha vez formados, poidan exercer verdadeiramente a liberdade propia dunha sociedade democrática.

Non existe a liberdade de non aprender a táboa de multiplicar ou calquera coñecemento básico para se desenvolver na sociedade; de igual modo que tampouco non existe a liberdade de non saber galego no territorio onde o galego é lingua propia e oficial. O concepto de liberdade, coma tamén sucede co concepto de trilingüismo, está lonxe do que o decreto e os seus arteiros artífices entenden por tal.

e) De verdade alguén cre que hai dous polos opostos: o dos que defenden a liberdade lingüística e respectan a todos os cidadáns independentemente da lingua que falen (Feijóo, PPdeG, xente responsable) e o dos que politizan o galego e tentan impoñelo (BNG, organizadores de mobilizacións, alborotadores)?

A única imposición lingüística que temos no noso ordenamento legal é a establecida para o castelán na Constitución Española (art.3.1.). Non hai ningunha norma que impoña o galego e si a hai que impoña (deber de coñecelo) o castelán. O conto da “imposición do galego” é unha vulgar mentira que a base de repetila algunha xente acabou crendo. Qué lingua é a imposta en Galicia na xustiza, na administración, na igrexa, nos rexistros e notarías, nos bancos, nas empresas, na publicidade, na prensa, na universidade, na escola...? O castelán.

Así que a estratexia de tentar situarse no centro estando en realidade nun extremo non dá resultado. Como ben escribiu Manuel de Castro, «si un día surgiera una asociación que afirmase que los perros tienen ocho patas, Feijóo firmaría un decreto pretendiendo convencernos de que en realidad tienen seis». Loxicamente, o consenso e o sentido común falan do can coma un cuadrúpedo; o extremismo está en dicir que ten oito ou que ten seis. O respecto pasa por aceptar a realidade.

f) De verdade alguén cre que o BNG lle impuxo ao PSdeG a súa política lingüística, que a maioría dos votantes socialistas non comparte? Como se pode dicir que o goberno de Feijóo está obrigado a reparar os excesos cometidos polo bipartito, atendendo á opinión dos seus propios votantes, da maioría dos votantes do PSdeG e dunha parte dos do BNG?

Máis mentiras e manipulacións interesadas sen a menor base co único obxectivo de confundir a sociedade. Non só non é así senón que ademais unha parte considerable dos votantes, e mesmo militantes, do PPdeG non entende a deriva lingüística do seu partido. O PPdeG está obrigado a reflexionar, tanto se lle gusta coma se non. Tentar confundir a sociedade é unha actitude ruín, e a longo prazo unha nefasta estratexia política.

(Mañá luns, terceira e última entrega)

Notas sobre o argumentario do Partido Popular, I

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Notas sobre o argumentario do Partido Popular (I)

Análise da Plataforma ProLingua sobre o argumentario do Partido Popular a favor do borrador de decreto.

Antes de entrar nos puntos tratados neste argumentario, é necesario incidir en dúas liñas xerais que abranguen o conxunto do texto, nun intento de deturpar a verdade das cousas. Analicemos a primeira destas liñas:

1ª Son os extremistas os que se opoñen ao borrador do novo Decreto, co cal se deduce que este borrador está centrado e responde aos intereses da maioría.

Ante as numerosas reaccións contrarias ao borrador de decreto por parte da cidadanía, preténdese espallar a idea de que esas reaccións están movidas por posturas «extremistas». Pero resulta que o que estamos a defender estes «extremistas» son os consensos acadados arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) do ano 2004, así o dicimos explicitamente no manifesto fundacional de ProLingua. Un PXNL que foi promovido polo goberno que presidía Fraga Iribarne (con Núñez Feijoo como vicepresidente), que se elaborou baixo a responsabilidade dese mesmo goberno e que, finalmente, se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia (Doc. núm. 17629, BOPG núm. 622 de 07.09.2004).

Non está de máis lembrar que o PXNL foi o produto final de algo máis de dous anos de traballo, onde unha nómina moi grande de persoas e, sobre todo, de moi diferente formación, sensibilidade e ideoloxía política, a partir da común asunción de renuncias necesarias que impedirían este acordo, foron quen de darnos unha lección de respecto mutuo. Por iso resulta agora inaceptábel o que se traduce nunha falta de respecto, e mesmo de desprezo, polo seu traballo, tempo e esforzo, especialmente por parte de quen tivo alta responsabilidade nese proceso e agora ten asumido responsabilidade de goberno do país.

A aplicación do PXNL é o que pedimos as persoas que nos opoñemos a este borrador de decreto. Se nós somos «extremistas», daquela tamén o eran no 2004 Fraga Iribarne, Núñez Feijoo e o resto do goberno e dos parlamentarios do PP. Alguén pode crer que hai seis anos eran todos perigosos «extremistas»? Fraga extremista? Corina Porro extremista? Carlos Negreira extremista? Núñez Feijoo extremista? Non será máis ben que, por intereses electorais, por unha presada de votos, Núñez Feijoo e compañía se desprazaron ao extremo ocupado polos negacionistas, eses que desexan que se elimine a presenza social do galego? Está claro quen rompe os consensos, está claro quen se sitúan nun extremo, tentando arrastrar ás súas posicións á sociedade galega, con mentiras e coa axuda dalgúns medios de comunicación ben pagados.

Falar de extremismo co ánimo de dar a sensación (falsa) de equidistancia, só tería sentido de referise aos dous monolingüismos como extremos. Pois ben, está claramente identificado o extremismo do monolingüismo en castelán, o que defenden os negacionistas, cos que se manifestaron a señora Porro e os señores Rueda, Negreira, Erias… xunto con outros destacados membros do PP. Mais nós non estamos a defender o monolingüismo en galego cando recoñecemos a oficialidade da outra lingua, que falamos e falan os nosos fillos. Só reclamamos a dobre competencia lingüística que está presente como obxectivo nas nosas leis. Só queremos que se cumpran a Constitución, o Estatuto, a Lei de normalización lingüística e se desenvolva o Plan Xeral de Normalizacion da Lingua Galega.

Consecuentemente, cando o PP se refira en asuntos de lingua galega a extremismos que se dirixa aos seus militantes que se manifestaron en Compostela xunto con Falange Española ou enchen determinados foros de Internet con insultos continuados ao galego e ás persoas galegofalantes.

Imos agora coa segunda liña xeral:

2ª O BNG apropiouse do idioma galego e por iso se opón ao novo decreto, porque pensa que o galego é seu.

Unha vez máis, con desprezo á verdade, preténdese presentar a defensa da lingua como algo exclusivo do nacionalismo (en concreto, como algo do BNG e organizacións afíns), que entraría dentro do «extremismo» antes comentado.

É obvio que as organizacións nacionalistas defenderon, ao longo da historia, a lingua galega. Desde a fundación das Irmandades da Fala en 1917, elas foron o motor da reivindicación social da lingua. Mais nunca houbo unha vontade de apropiación. Ao revés, unha constante na historia do nacionalismo é a ambición de conseguir que outras organizacións e ideoloxías tamén fagan e consideren seu o galego, e se impliquen na súa promoción.

Porque o malo desta mentira do PP é que non casa nada coa realidade do país. A lingua galega, que ten máis de mil anos de antigüidade, non é propiedade de ningún partido ou grupo social. A lingua galega é de todas as persoas que vivimos en Galicia (e nas comarcas estremeiras), e tamén de todas as que tiveron que marchar fóra na procura dunha vida mellor. De todas as persoas, voten a quen voten. «Se aínda somos galegos, é por obra e gracia do idioma», dicía Castelao. Por iso, no rexeitamento do borrador do decreto e na defensa da lingua, hai persoas e institucións de todas as cores políticas. De moitísimas persoas sen afiliación partidaria, e tamén de membros das organizacións e partidos que defenden o consenso do PXNL. De todas, incluído ese amplo sector do PP que fala galego con naturalidade e que non desexa ser un criado dos amos de Madrid, que non desexa que lle sinalen desde Madrid o que ten que facer ou non.

(Mañá domingo 17, segunda parte)

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

A única Administración responsable de protexer o galego, artigo de Alba Nogueira

Con irresponsabilidade renuncia a Administración Feijoo a protexer de xeito reforzado o galego sendo como é a única Administración no mundo que ten encomendada a defensa da nosa lingua. Non van facelo as Administracións murciana, andaluza, central, arxentina e tampouco a británica. Algunhas delas adicarán o seus esforzos a protexer o castelán, como ben sabemos, outras ao inglés sen preocuparlle moito que os seus cativos sexan plurilingües.

O debate non é, mal que queiran botar tinta como a lura para encerellar, se a cidadanía galega debe falar mellor inglés. Falso debate. Os galegos e galegas falan máis linguas que o resto dos españois –cando menos dúas-; falan mellor as estranxeiras e as oficiais –o informe PISA así o confirma-; e para falar moitas das linguas estranxeiras sons específicos da nosa lingua colócannos en mellor posición que ao resto dos unilingües do Estado (o “x”, as sete vogais, o “n” nasal velar sonoro de palabras como “unha”).

O debate é se podemos darlle igual tratamento no sistema educativo obrigatorio, a linguas oficiais e a linguas estranxeiras coa única finalidade de non protexer aquela única á que a Constitución e o Estatuto nos confían a súa protección en exclusiva.

O Decreto que se anuncia do plurilingüismo contravén con claridade o conxunto do ordenamento aplicable ao eido educativo. Fronte aos mandatos de protección da lingua propia da Constitución e o Estatuto suprímese a adquisición da lingua en educación infantil, se os pais o queren, e rebaixase a competencia en educación primaria e secundaria (un falso 33% no que nin tan sequera terán que falar ou examinarse en galego salvo na materia de galego). Fronte ao mandato de progresividade no coñecemento da Lei de Normalización Lingüística, por primeira vez a normativa de uso do galego nas aulas vai a ceacú. Fronte á marxe maior que ofrece a Lei Orgánica de Educación ás comunidades con lingua propia (o 45% do horario escolar, fronte ao 35% das que non teñen máis lingua que unha) o goberno galego decide homologarse a La Rioja e utilizar unha parte dese horario para aumentar o inglés e o castelán.

Lonxe de afondar no exemplo dos países con mellores resultados no informe PISA, no que Finlandia é un exemplo, innóvase ao revés. Finlandia basea o seu sistema educativo na firmeza na adquisición das linguas propias –finés e sueco- durante os dous primeiros anos de educación obrigatoria centrando nese esforzo a maior parte do tempo escolar xunto ás matemáticas. A introdución do inglés faise como unha materia diferenciada impartida por especialistas a partir de terceiro curso que ten como obxectivo principal a práctica oral. Para iso os grupos son máis pequenos que os que manexan os nosos mestres e profesores (25 nenos en infantil e primaria, 30 en secundaria). Non hai materias “en” inglés.

O profundo complexo que revela este proxecto de norma, propio de quen pensa que os galegos mais que falar con corrección a lingua que usamos para vivir e construírmos o noso pensamento debemos ser emigrantes; a absoluta irresponsabilidade de quen renuncia a exercer unhas competencias de protección da cultura e identidade propias que non vai mais ninguén mais por nos; o claro desleixo e descoñecemento da realidade do sistema educativo; a ausencia de vontade de investir na educación reducindo o número de nenos nas aulas, aumentado o profesorado, financiando materiais, informatizando as aulas, abrindo aulas de linguas, son o que agocha este proxecto de norma para o unilingüismo nas aulas.

Artigo publicado en Vieiros o 7 de xaneiro de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Carta aberta a Alberto Núñez Feijoo, por Xabier P. Docampo

Señor Feijoo: Comezo por lle asegurar o meu respecto por todas as persoas, aínda que non sempre o teño polas ideas e opinións que expresan, así que a elas se refire canto aquí escribo.

O asunto trata do que vostede se propón perpetrar ao amparo da “Bases para a elaboración do decreto…” que este día 30 de decembro fixo públicas. Teñen de bo que nelas non se oculta o propósito que as dita: o que vai facer vostede e poñer o galego en coma inducido e así sempre poderá afirmar que non está morto. Claro, vostede é un político e coñece ben estes usos raposeiros da realidade.

Vostede xa sabía que nunca houbo a tal imposición da que falaba, nin a liberdade dos castelanfalantes se viu nunca ameazada. Sabe perfectamente que isto á unha fición lingüísitica artellada para poder actuar en contra do futuro da lingua galega, iso si, no nome de nobres arelas. Porque diso se trata, dun atentado ao futuro do galego. Vostede fai o mesmo uso da palabra liberdade que fan os membros da Asociación Nacional do Rifle dos EEUU. Eles tamén defenden unha idea opresiva no nome da liberdade.

Non sei se o ten pensado, e ben que me amolaría estar a lle dar ideas, pero tamén podería sacar un decreto polo que, en cada concello, fosen os propietarios dos terreos en votación, os que decidisen sobre da edificabilidade. Que cre que sairía? Desta utilización perversa da liberdade xa nos advertiu J. J. Rousseau ao dicir “Entre o forte e o débil, a liberdade oprime e a lei libera”. Porque diso se trata, señor Feijoo, de que fose a lei, a Xunta de Galicia, a que asumise a súa responsabilidade e non que fixese desleixo irresponsábel dela.

Falando de liberdade o que vostede se propón é hipotecar a liberdade dos futuros cidadáns e cidadás de Galicia, que, vítimas das decisións actuais dos seus pais de lles restar unha das linguas, xa non poderán elixir no futuro cal usar. Cre que llo van valorar positivamente a vostede? Non, ate os máis galegófobos desprezarán que lles teña privado de poderen tomar eles a decisión.

Vostede vai introducir nos centros de ensino, institucións das que ignora con desprezo aos seus servidores, os máis letais velenos. Nenos que, porque repiten o que escoitan na casa, se acusarán mutuamente con aquilo de, por culpa do teu pai… Vai envelenar claustros e consellos escolares no canto de procurar neles o entendemento e a harmonía necesaria para o labor pedagóxico. Vai entrar nunha espiral de desprezo da norma porque instaura a soberanía dos pais e porque o alumnado vai vivir nunha situación de provisionalidade, de norma mudábel en calquera momento. Vostede vai introducir o caos nas aulas, xa que alén da lingua na que se imparta a materia, os rapaces poderán expresarse de forma oral e/ou escrita como a cada un lle pete a cada intre. Con este disparate, para que un decreto se por enriba de profesor, de materia, de votacións, de claustros, de consellos escolares e da mesma Consellaría de Educación, cada alumno vai facer o que lle dea a gana? Fáleme agora de reforzar a autoridade do profesorado, que me vai dar a risa.

E á fin, Señor Feijoo, os pequenos rasputíns que o están a encamiñar cara a tan nefastas decisións, serán ignorados pola Historia, e só sobre vostede caerá a responsabilidade desta navallada á lingua propia de Galicia. E os outros, os de fóra, nunca llo pagarán, porque non son de pagar. Fíxese en canto o loaba non hai moito quen agora lle chama publicamente “pardillo”

Queda moito por falar deste asunto, Señor Feijoo, porque eu aquí seguirei, na loita polo futuro da miña lingua, e os que estamos na loita conservamos o respecto por nós mesmos, á súa decisión só lle espera a ignominia.

Atentamente,

Xabier P. DoCampo

Artigo publicado en Vieiros o 5 de xaneiro de 2010

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Unha primeira análise do borrador do decreto (CGENDL)

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística deu a coñecer hai uns días unha breve análise do borrador do decreto. Compartimos convosco os primeiros parágrafos e convidámosvos a ler o texto completo (PDF, 27 KB):

O borrador do Decreto do Plurilingüismo para o ensino non universitario non garante que o alumnado acade a competencia lingüística en lingua galega, tal e como fixa a lexislación educativa, acentuando o desequilibrio social existente entre as dúas linguas oficiais.

A proposta traslada aos centros escolares e ás familias un conflito creado por intereses políticos ao presentar un modelo que non se fundamenta en criterios estritamente pedagóxicos e demostra o descoñecemento da realidade dos centros.

A introdución dun idioma estranxeiro como lingua vehicular do ensino establécese sobre bases erradas e distorsiona unha planificación lingüística rigorosa e eficiente que redunde na formación do noso alumnado.
Desde a Coordinadora Galega de ENDL pensamos que a proposta de decreto que regulará as linguas vehiculares no sistema educativo non garante a liberdade dos pais, non busca o equilibrio entre as dúas linguas oficiais, non formula correctamente a introdución do terceiro idioma e non vai conseguir ningún “bilingüismo cordial” senón un conflito nos centros escolares e na sociedade.

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google