Anotacións etiquetadas ‘Faro de Vigo’

O noso idioma á intemperie, artigo de Manuel Bragado

Refén do compromiso co seu electorado de rematar con "la imposición del gallego" e consciente da debilidade política dos candidatos do seu partido ás alcaldías das grandes cidades, o actual presidente da Xunta destilou durante meses o que pretendía fose un elixir que entusiasmase aos sectores sociais que reclaman non ter contacto ningún co galego na súa vida cotián (un caladoiro electoral onde o PPdeG pretende atopar a súa vitoria en Vigo ou na Coruña) e conformase aos sectores menos esixentes na defensa da lingua das institucións culturais e do PSdeG-PSOE.

Abandonada a posibilidade de recuncar no consenso de todos os partidos e sectores sociais arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 e asumida a necesidade de afastarse de posicións galeguistas (as que se identifica co extremismo da "imposición do bipartito"), a ninguén pode extrañar que Feijóo presentase con estudada equidistancia un documento que afonda na utilización partidaria do conflito sobre o emprego das linguais cooficiais no sistema educativo. O que nos achega unha primeira e importante conclusión, por vez primeira en tres décadas de autonomía, a política lingüística desta lexislatura será a imposta polos criterios e intereses dun partido, non a consensuada por todas as forzas políticas en base a criterios de país e á defensa de intereses xerais.

Vestido coas roupas do "espazo internacional do plurilingüismo" e amparado nos resultados da enquisa ás familias da fin de curso, o documento propón recurtar a utilización do galego como lingua vehicular nas dúas etapas do ensino obrigatorio; deixándoo á intemperie, aos ventos dos arraigados prexuízos sociais e das "decisións vinculantes" que cada catro anos tomen as familias sobre o seu uso en determinadas materias. Non hai dúbida que se entra en vigor este decreto, o emprego escolar do galego retrocedería de forma moi significativa, tanto por que de facto sería reducido a materias onde se empregan con menor intensidade todas as competencias lingüísticas como pola laxitude do seu uso por parte do alumnado, que terá a posibilidade de escoller, tamén nas aulas, a lingua cooficial da súa preferencia para as súas manifestacións orais e escritas; unha solución inaudita e rocambolesca, secomasí que unha materia sexa impartida nunha ou outra lingua só obrigará ao profesorado (a grande vítima deste documento), que perderá parte da súa autoridade pedagóxica diante do seu alumnado en formación.

Un retroceso indiscutible (por moito que teimen en negalo os redactores do documento) que impedirá conseguir os obxectivos previstos nos documentos curriculares en vigor, nos que se fixa que todo o alumnado deberá acadar idéntica competencia en ambas linguas cooficiais ao remate de cada unha das etapas. Un retroceso que, ademais, contravén o sentido de progresividade e da necesaria protección da lingua propia establecido na Lei de Normalización de 1983 (velaí o artigo 13.2.: "As Autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino"). Este tratamento aparentamente "igualitario" que o documento concede as tres linguas no horario escolar é, ademais de meramente publicitario (coa marca de "plurilingüismo" trátase de vender mellor o novo decreto), discriminatorio para a lingua galega, xa que en todos os manuais de Sociolingüística aplicada ao ensino aparece que a lingua minorizada debe contar cun tratamento curricular preferente, algo que non nos pode resultar novidoso xa que é o modelo que aínda temos en vigor. O que nos achega a segunda conclusión, tras tres décadas de presenza progresiva do galego na escola, con este modelo provocaríase por vez primeira un importante retroceso do seu uso e consideración educativa, mais aínda cando a fraca saúde do noso idioma requeriría accións aínda máis enérxicas de fomento e protección.

Mención áparte na valoración do documento merece o delirante e confuso proceso de toma de decisións proposto no que se transfire toda a responsabilidade na abordaxe do conflito aos consellos escolares dos centros e se proporciona ás familias –asumindo case ao pé da letra as propostas dos colectivos galegófobos (a pesar das súas declaracións premeditamente sobreactuadas, os grandes inspiradores deste documento)– capacidade decisoria sobre cuestións curriculares que son unha competencia ineludible das Administracións Educativas. Unha deixación de funcións incompatible coas sentenzas do Constitucional sobre a cuestión e inadmisible politicamente xa que o dereito á educación afecta á toda a cidadanía e como outros asuntos de interese xeral debe ser regulada polos poderes públicos democráticos. Feijóo continúa errando na solución do conflito do galego.

Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo, luns 4 de xaneiro de 2009

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

O Tribunal Supremo rexeita que os pais poidan escoller a lingua de escolarización dos seus fillos

A noticia que publicaron hoxe os xornais Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, na que se informa dunha sentenza que rexeita que os pais poidan escoller a lingua de escolarización dos seus fillos, é un motivo de satisfacción para ProLingua e para todas aquelas persoas que valoran especialmente a xustiza e a liberdade.

Os datos máis significativos da noticia poden lerse no texto que reproducimos aquí. Aínda que a sentenza á que se refire sexa moi relevante, polo momento en que se fai pública, en realidade non di nada novo, pois hai numerosas sentenzas, tanto do Tribunal Supremo como do Tribunal Constitucional que inciden nos mesmos razoamentos e principios que a que hoxe comentamos.

En Galicia, levamos máis dun ano asistindo á difusión reiterada de diversas mentiras relacionadas coa lingua propia do noso país. Deste xeito, tivemos que asistir con abraio á ruptura do consenso que significara o Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Un documento elaborado por un amplo número de representantes dos diferentes ámbitos profesionais e, tras ser revisado por parte das forzas políticas, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en setembro do 2004. Non está de máis lembrar que o Goberno que impulsou e guiou o proceso estaba presidido por Fraga Iribarne, e o seu vicepresidente era Núñez Feijoo.

E, con máis abraio aínda, tivemos que asistir á fervenza de declaracións e artigos de opinión (difundidos amplamente polos poderes económicos e mediáticos) que pretendían facernos ver o mundo do revés: “la imposición del gallego”, “el derecho de los padres a la elección de lengua en la educación”, “el ataque a la libertad de los castellanohablantes”, “el castellano está discriminado” e outras arteiras falacias que aínda hoxe se seguen a escoitar.

O abraio converteuse en indignación cando comprobamos como o PP, rompendo todos os consensos, lle daba o seu apoio a estas mentiras. E como, tras vencer nas eleccións de marzo, comezaba desde a Xunta un intenso programa de ataques contra a lingua galega e as manifestacións culturais que se vehiculan a través dela. No caso do ensino, as reiteradas declaracións da Consellería contra o galego e a pouco rigorosa consulta ás familias foron os feitos máis relevantes.
Aínda que o peor foi volver a consagrar o incumprimento do lexislado, como xa se observa nestes meses que levamos de curso.

Desde ProLingua, que naceu como reacción a estes insólitos ataques de un Goberno que, estatutariamente, ten a obriga de defender a lingua e a cultura de Galicia, lembramos unha vez máis o evidente:

- No ámbito da educación, son as institucións democráticas (estatais e autonómicas) as que deciden a estrutura do sistema educativo, os obxectivos que se queren conseguir, os currículos das diversas materias, a temporalidade, a formación esixida ao profesorado, os sistemas de avaliación, a lingua ou linguas de docencia…

- No ámbito lingüístico, un dos obxectivos esenciais do noso sistema educativo é conseguir que os alumnos e as alumnas acaden unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar.

- O anterior é esencial para podermos falar de liberdade lingüística. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelán falante.

- Para iso é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa cumprimos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.

- Para garantir que todo o alumnado remate os estudos cunha boa competencia nas dúas linguas precísase unha planificación lingüística que garanta a súa consecución. Esa planificación pasa pola utilización maioritaria como vehicular da lingua máis desfavorecida socialmente, como xa se indicaba no PXNL. Cómpre lembrar que o propio Tribunal Constitucional avalou como lexítimo “un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade.

- Por todo isto, celebramos que as ideas segregadoras e negacionistas veñan de ser rexeitadas polo Tribunal Supremo. E desexamos que o actual Goberno tome boa nota e comprenda que para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda en función da lingua que falen, son precisas as políticas lingüísticas que tenten corrixir as desigualdades existentes e garantan o dereito constitucional a empregar con normalidade a lingua habitual (sexa o galego ou o castelán) en calquera ámbito da vida diaria.

Descargar en PDF o texto íntegro da sentenza

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google

Cos corpos e as almas que tiveran, artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín

(...) Desde os días no que o piñeirista García-Sabell recorría como Delegado do Goberno a Lei de Normalización non se coñecera outra igual. O propósito estratéxico de Núñez Feijóo é agora o de lograr aquilo que García-Sabell non conseguiu. Entre tanto, todas as enerxías que a Xunta tería que mobilizar gobernando realmente nos sectores agrogandeiro, pesqueiro, da ordenación do territorio, de medioambiente, cultural, de reforma administrativa e modernización en xeral, sen esquencer as políticas sociais nestes tempos feos e duros, parecen pervertirse na dirección monográfica dunha política lingüística obsesivamente españolista e anti-galega.

Unha enquisa fraudulenta aos pais dos alumnos serviu de preparación artilleira para a derrogación dun decreto que, moderadamente, trata de establecer unha paridade entre o idioma que crearon os nosos antepasados e o que naceu no norte da provincia de Burgos. En operación de comando secreto, interviuse na normativa de pre-escolar. Con astucia, decidiuse que o fomento no mundo fashion podía beneficiar e normalizar o uso do galego e os acordos que houbera ao respecto foron reducidos á nada, co que se pretende que as masas vexan cos ollos da carne e cos do desexo que o luxo e a fastuosidade non casan coa lingua proletaria dos avós. O galego foi arredado das oposicións a fin de que os numerosísimos aspirantes a funcionario considerasen a lingua do País definitivamente inútil. O PP executa un programa de guerra psicolóxica cuxo fin é conseguir que o pobo perda o orgullo de ser galego e se someta facilmente aos dictados de Madrid (...)

Ler artigo completo hoxe en Faro de Vigo

Chuzame! A Facebook A del.icio.us A Technorati A Fresqui A Menéame A Digg A Reddit A Twitter A MySpace A Barrapunto A Google