Lingua de liberdade. Esta frase magnífica é o lema escollido pola iniciativa Galego. Patrimonio da Humanidade para anunciar o “acto cívico a prol da lingua galega” que se celebrará o vindeiro sábado, 14 de novembro, ás doce da mañá, no Teatro Principal de Santiago. Segundo se pode ler na súa web, “o acto estará conducido por Cándido Pazó, e nel intervirán representantes de colectivos sociais, os secretarios xerais de UXT, José Antonio Gómez, e CCOO, José Manuel Sánchez Aguión, ademais de Laura Sánchez Piñón, Pablo González Mariñas, Henrique Monteagudo e Fermín Bouza”.
Antón Baamonde, un dos impulsores da iniciativa, escribiu un interesante texto onde afirma que a iniciativa “non intenta ser unha organización, senón un punto de referencia e un espazo argumentativo, a ocasión para renovar as retóricas de defensa do galego e facelas máis eficaces e inclusivas, con maior poder de interpelación social. Somos unha voz máis entre outras.” Máis adiante, engade: “queremos que este acto poña en evidencia que a defensa do galego, a oposición á actual liquidación que Feijóo e o seu goberno están poñendo en marcha, non é patrimonio dos nacionalistas, coma esa dereita interesadamente quere facer ver, senón que o galego é un patrimonio común de todos os galegos, independentemente da súa profesión, situación social, ideas ou calquera outra característica idiosincrática que cadaquén poida ter.”
A iniciativa Galego. Patrimonio da Humanidade presentouse socialmente o pasado 10 de xullo, na Casa Galega da Cultura da cidade de Vigo. Alí leuse un breve e claro manifesto (pódese ler íntegro aquí) onde se denuncia a ruptura do consenso lingüístico por parte do PP e se afirma que “a pretensión de facer crer unha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego e da supremacía do castelán”. Este manifesto xa recibiu máis de dous milleiros de adhesións. Entre as persoas que o asinaron están –estamos- unha boa parte das persoas integradas en ProLingua.
Desde ProLingua saudamos con alegría e esperanza esta iniciativa cidadá, coa que compartimos os obxectivos esenciais: que o galego sexa a lingua de todos e todas, que se manteña o actual marco legal e se desenvolva o consenso acadado no Plan Xeral de Normalización da Lingua do ano 2004, de xeito que as persoas galego falantes poidamos exercer os nosos dereitos lingüísticos con plenitude. E, xaora, que se desenmascaren as repetidas falacias coas que os grupos negacionistas e segregadores, con abundantes complicidades no goberno e nos poderes fácticos, intentan intoxicar a sociedade.





